REVISTA ABRIL

O Vitruvia propón para este mes de novembro un festival de música clásica e jazz no Teatro Afundación

Os amantes da música clásica e o jazz están de sorte porque este outono estréase un novo festival dedicado a estas disciplinas musicais: MUSICAV. Os concertos terán lugar en dúas fins de semana de novembro no Teatro Afundación e as entradas xa están á venda.

MUSICAV é a nova proposta de música clásica e jazz que poderemos gozar este outono en Vigo. O festival vén abalado polo bo facer de Javier Ferreiro e Rosanna Ojea que desde 2015 rexentan o café Vitruvia, onde xa levan programados máis de seiscentos concertos, Este festival está composto por catro recitais que se desenvolverán o 14, 15 , 28 e 30 de novembro no Teatro Afundación. En opinión dos organizadores o público que escoita jazz e música clásica contemporánea é en moitas ocasións coincidente, por iso decidiron lanzarse a crear un festival que aúnase ambos estilos, nun espazo como o Teatro Afundación, que puidese albergar un aforo de tamaño medio.

REVISTA ABRIL

O festival iníciase o martes 14 de novembro co compostelán, músico de jazz recoñecido a nivel mundial, Abe Rábade como cabeza de cartel. A xornada do mércores 15 estará protagonizada pola música do Romanticismo. Soará unha coidada selección de compositores como Chopin, Brahms, Tchaikosky o Fauré, que serán interpretados por Rasa Biveiniene (piano) Beatriz Riobó (voz) , Iván Fernández (piano) e Paula Diz (violín). Quince días despois arranca a segunda sesión do festival con concerto de Blue Summit Quintet o martes 28, Este quintento liderado polo saxofonista francés Arnaud Desprez, desenvolven o estilo bebop, o jazz máis divertido. A agrupación complétana Ricardo Formoso (trompeta, fliscorno), Antonio López (piano), Oscar Rodríguez (contrabaixo) e Noli Torres (batería). O festival resérvase para a última xornada a estrea en España da sonorización da película ucraniana ‘TIERRA’ (1930). A proxección desta xoia do cine o xoves 30, acompañarase de música en directo, interpretada pola pianista Anastasiia Frasyniuk e músicos da Orquestra 430, con presenza do seu creador Luke Corradine, compositor británico especializado en música de cinema e multipremiado nesta faceta.
As entradas individuais para cada un dos concertos teñen un prezo de 12,00 € e o abono para asistir aos catro recitais custa 40,00€. As entradas están dispoñibles excluivamente a través de Internet na plataforma Ataquilla.com.

Programa:

Martes, 14 de novembro ás 21:00 h – Abe Rábade Trio
Mércores, 15 de novembro ás 21:00 h – La Música Apasionada
Martes, 28 de novembro ás 21:00 h – Blue Summit Quintet
Xoves 30 de novembro ás 19:30 h – Proxección de ‘TIERRA’ con música en directo da pianista Anastasiia Frasyniuk e a Orquestra 430