UVIGO
REVISTA NADAL

Volve escribir a man con Panda Bohème

Nunha era dominada polos dispositivos dixitais, a escritura a man volve estar de moda. Panda Bohème, a papelería gourmet de Vigo, convídanos a reconectar co pracer de escribir con papel e tinta. Aquí atoparemos todo tipo de artigos de agasallo útilies, bonitos e moi exclusivos, pois están especializados en marcas asiáticas e americanas.

Ana en Panda Bohème | Foto: Paula Cermeño

A parella de arquitectos formada por Álvaro e Ana decidiuse a pechar o estudio que rexentaba en Madrid para se instalar en Vigo, terra natal dela. O obxectivo deste cambio de vida era formar unha familia e buscar un traballo que permitise conciliar o traballo e a vida persoal, cousa que coa arquitectura estaba difícil. Tras barallar varias opcións, xurdiu a oportunidade da papelería, unha afección de ambos que decidiron converter en negocio. En 2019 colleron o traspaso dunha pequena papelería en liña da que mantiveron o nome e o xa característico selo, e déronlle unha volta ao resto.

Panda Bohème selecciona produtos exclusivos, de alta calidade, que non son fáciles de atopar noutros sitios. Mesmo chega a ser a única tenda de España onde se poden atopar certas referencias, traballando con marcas procedentes de lugares como Os Estados Unidos, Corea, Taiwán ou O Xapón. Estamos ante unha papelería cuxa xerencia define co termo gourmet, xa que nos seus andeis non hai paquetes de folios ou bolígrafos de plástico transparente, senón o mellor papel para escribir con estilográfica ata os bolígrafos máis cómodos para a ardua angueira de preparar unha oposición. Para regalar materiais á altura das mellores figuras literarias, conta coa bohemia do panda.

Nunha época na que parece que ninguén escribe á man, o artigo máis vendido nesta papelería son as plumas estilográficas. Volver ao proceso manual de escritura, ademais de resultar beneficioso para o cerebro, é un pracer. Por iso para estas festas recoméndannos tres plumas en función da persoa agasallada: para quen se inicie na escrita con pluma, están as Kaweco Sport (desde 29,95 €), un clásico alemán renovado; para a xente máis intrépida, as taiwanesas Twsbi (desde 39,90 €) co seu barril transparente; para as persoas máis exquisitas, as xaponesas e Pilot (desde 165,00 €) e Sailor (desde 205,00 €) son infalibles.

Como sabemos que en Corea e no Xapón toman moi en serio o tema da planificación, un regalo especial para arrancar o ano cunha boa organización son as axendas orientais. Na tenda atopamos as axendas coreanas de Iconic e as xaponesas das de Midori, MD Paper e Traveler’s Company, marcas ás que se suma este ano Kokuyo Jibun Teito.

Para poder levar todo ao lombo, contamos coas mochilas Doughnut, unha marca de Hong Kong que conxuga calidade e deseño con combinacións de cores moi atractivas e materiais impermeables e, en xeral, altamente resistentes. Ademais, moitos deses materiais proceden da reciclaxe e varios dos modelos son veganos. A serie Macaroon (desde 85,95 €) está dispoñible en tres tamaños.

Rúa de María Berdiales, 15 | 604 01 74 16 | pandaboheme.com | @pandaboheme

REVISTA NADAL
The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 92 (o ano de Cobi) preto do mar. É filóloga e correctora literaria, cirurxiá de textos, amiga das redes sociais e ten un interese case innato pola moda e a cultura. Estela é aprendiza de todo e especialista en nada, ten incontinencia verbal crónica, e, grazas á mellor das sortes, as palabras danlle de comer.

Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)