CIRCO DE NADAL
CAMELIAS NADAL

Volve a música a San Miguel de Oia da man do The Wild Fest

O festival de música, cinema e deporte na natureza The Wild Fest celebra a súa sexta edición entre o 30 de agosto e o 1 de setembro no Parque Forestal de San Miguel de Oia. O concurso de bandas Salvaxesons busca impulsar a carreira de novos artistas musicais galegos, que se poden inscibir no certame ata o 10 de abril.

Público gozando dun concerto no Parque Forestal de San Miguel de Oia | P. Cermeño

O festival multidisciplinar The Wild volverá celebrarse este verán e anuncia as datas da súa sexta edición, en 2024, que ocupará a fin de semana do 30, 31 de agosto e o 1 de setembro. Como en edicións anteriores o festival programará concertos de bandas galegas e nacionais, proxeccións de cinema e  actividades infantís, ademais de zona gastro, mercado e propostas para coñecer a contorna.

O Parque Forestal de San Miguel de Oia volverá ser o escenario do The Wild. Trátase dun espazo de merendeiro cun miradoiro privilexiado á ría de Vigo que é xa nun dos emblemas do festival, que ten como leimotiv facer visible a importancia de respectar e coidar o medio ambiente.

Ximcana de orientación | P. Cermeño

A vindeira edición mantén a vontade das pasadas de englobar un gran número de actividades nunha soa cita e integralas no medio natural: concertos de folk e rock, The Wild Cinema, andaina, ximcana de orientación, obradoiros, mercadiño e espectáculos infantís. 

CAMELIAS NADAL
Actuación infantil | P. Cermeño

Concurso Salvaxesons

O concurso de bandas Salvaxesons volta para descubrir e impulsar novos talentos da música galega. A competición terá cinco finalistas que poderán tocar o sábado 31 de agosto no escenario principal de The Wild. Ademais, os tres primeiros clasificados recibirán un premio en metálico, de 1000€, 400€ e 200€ respectivamente, e as dez bandas clasificados para os “duelos” terán acceso gratuíto a The Wild Fest durante toda a fin de semana.

Os gañadores escolleranse en tres fases. A primeira criba será realizada por un xurado a partir dos tres temas grabados que as bandas entreguen no momento de facer a inscrición. A segunda fase terá lugar durante o mes de abril nunha sala de concertos e realizarase en formato duelo por parellas das 10 bandas finalistas. A final será o propio concerto en The Wild Fest, onde se decidirá ao gañador en directo. As inscricións están abertas ata o 10 de abril no email salvaxesons@thewildfest.com e as bases poden consultarse nesta ligazón.

The Mirror, gañadores da primeira edición do Salvaxesons, durante o concerto | P. Cermeño