CAMELIAS MASCOTAS

Virginia Rota achéganos ao mirar dos máis pequenos

Ata o 21 de marzo poderemos visitar a exposición O mundo ao principio, de Viriginia Rota, gañadora do VI Premio Galicia de Fotografía Contemporánea. O proxecto artístico está formado por dúas partes ben diferenciadas: os retratos de Rota a crianzas de entre 4 e 11 anos, e as fotografías tomadas por estos nenos e nenas mostrando o que para eles é “importante” e “belo”.

O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea é un certamen organizado polo Festival Outono Fotográfico, coa colaboración de Afundación e o patrocinio da Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo, que busca promover a fotografía contemporánea e as cuestións éticas que suscita, en xeral, a arte contemporánea respecto das formas de dominación e a imposición de límites ao pensamento. A gañadora da VI edición foi a malagueña Virginia Rota con O mundo ao principio, realizado ao longo de tres anos nas diferentes cidades ás que o traballo e a propia vida a foron levando.

REVISTA NOVEMBRO

Rota traballou neste proxecto man a man con nenos e nenas de entre catro e once anos a quen a artista retratou individualmente antes de lles encomendar a tarefa de retratar “a beleza” e “o importante» cunha cámara desbotable de 27 fotografías, sen contar coa axuda de persoas adultas. Froito deste extraordinario encargo nace a presente mostra, conformada polas fotografías sacadas polas crianzas e os retratos dos propios cativos feitas por Rota.

Estas imaxes supoñen unha das primeiras incursións da artista na fotografía a cor, algo sorprendente xa que as tonalidades dos retratos son verdadeiramente asombrosas, achegándose case máis á pìntura que á fotografía. Ademais, todos eles foron tomados con luz natural, aínda que semelle iluminado artificialmente nun estudio profesional.

En palabras do comisario da exposición, Vítor Nieves, “este proxecto fotográfico é todo un alegato en favor da infancia, un retrato da liberdade de pensamento”. Un ensaio coral sobre a estética e os valores máis intuitivos que só mantemos puros na infacia e que pouco a pouco vanse corrompendo, por iso todas as crianzas escollidas son menores de 11 anos. Nieves insitiu durante a presentación na calidade das imaxes tomadas polos pequenos, tanto que afirmou que se poderían facer “tantas exposicións como nenos e nenas retratadas”.

(GMT+01:00)