bannerPicnicSesions

A Reconquista dos máis pequenos

Coa chegada da Reconquista temos por diante dous días de festa e diversión, que como vén sendo habitual, comezan polos máis cativos. Xogos tradicionais, obradoiros, danza, maxia, animación ou contacontos serán algúns dos pasatempos que terán as crianzas para pasalo en grande esta fin de semana. Podes consultar toda a programación no noso especial.

A pesar de que toda a Reconquista é unha festa dirixida a todo tipo de públicos, están programadas unha serie de actividades nas que as crianzas son as protagonistas. Agás unha que terá lugar o domingo pola mañá, o resto de eventos infantís serán o sábado 30 no Casco Vello.

Comezamos a Reconquistiña co Serán infantil ás 11:00 da mañá na Rúa Chao. Media hora despois terá lugar a celebración de xogos tradicionais e populares no espazo infantil, situado na Porta do Berbés. Para rematar a mañá, no mesmo espacio estarán os contacontos Codia e Miolo, unha compañía moañesa nada no 2000 que bota man das ferramentas que pide cada historia (cancións, manipulación de obxectos, pantomima, clow) con unha especial querencia pola improvisación.

Banner A Movidiña

A primeira actividade da tarde da programación da Festa da Reconquista neste sábado 30 é a actuación da escola de baile tradicional infantil do Casco Vello, ás 17:00. Paralelamente á actuación da escola de baile tradicional do Casco Vello, Barafunda animará as rúas do mapa da Reconquista coa interpretación de Pepiña.

Para ir rematando o día, ás 19:00 será a quenda dos bailadoriños, xogos tradicionais cantados e bailados por Luis Prego teñen lugar no Torreiro do Casco Vello. Por último, logo da actuación do grupo de pandereteiras Trikoloma, o espazo infantil da Porta do Berbés encherase de maxia para sorprender aos máis cativos e cativas. O domingo ás 10:30 as crianzas de Vigo teñen a oportunidade de gozar duns xogos tradicionais e populares da man da compañía de ocio infantil Trasnos.

Pincha aquí para consultar toda a programación da Reconquista.