Iria Pinheiro achéganos á dureza do seu parto esta fin de semana na Ártika
Anatomía dunha serea é o relato valente e autobiográfico de Iria Pinheiro. A actriz galega cóntanos en primeira persoa como foi o seu parto. Un acto tan natural e normal coma este, que se vén facendo desde os inicios da humanidade e sobre o que, a pesar de todo, temos un gran descoñecemento. Valente é Iria e valente é o público que se anima a ir ver esta obra, porque moitas veces é máis fácil pechar os ollos e non saber.

O relato de Iria é duro. Explica como cambiou a súa vida desde aquel día no que no hospital decidiron inducirlle o parto. Unha experiencia que viviu case como espectadora e non co protagonismo que lle debería corresponder. Foi despoxada de calquera tipo de poder de decisión e a información do que estaba a acontecer era escasa e confusa. Iria denuncia ser vítima da violencia obstétrica e asegura que ao igual que ela, hai moitas outras mulleres que viven situacións parecidas.
Pinheiro, que aínda se está a recuperar das secuelas dese parto que tivo lugar hai máis de tres anos. emprega esta obra a modo de terapia. Ao tempo contribúe a que se abra un debate necesario para que as mulleres recuperen o poder que se lles arrebatou.
É a primeira vez que temos a posibilidade de ver en Galicia este tema a ser tratado sobre as táboas. Hoxe e mañá podemos achegarnos a sala Ártika coñecer a historia de Iria. Podemos ir sen medo, porque aínda que é unha testemuña dura a representación está chea de sarcasmo que arrincará en nós máis dunha gargallada.
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Carlos Núñez: «É fundamental recoñecer a quen morreu loitando polos dereitos que temos hoxe» - 27 Outubro, 2025
- Viaxe a historia negra de San Simón - 24 Outubro, 2025
- Marcos de la Fuente, poeta: «Carlos Oroza deume un camiño que seguir» - 24 Setembro, 2025
- 35 anos de conexión Sáhara-Vigo - 27 Agosto, 2025
- Cristina Olea: «Trump reclama todo o tempo a atención dos medios e, á vez, ódianos» - 27 Agosto, 2025

