REVISTA OUTUBRO

Vigosónico presenta unha ambiciosa programación cunha decena de obradoiros

Vigosónico, o local de ensaio e gravación público de Vigo, presenta para este trimestre unha ampla programación formada por cursos de iniciación a instrumentos e numerosos obradoiros sobre produción, mastering, dereitos de autor ou organización de eventos musicais. Todas as actividades son de balde e están dirixidas a persoas de entre 10 e 35 anos.

A semana pasada o alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciaba nunha conferencia de prensa os “novos” cursos de iniciación a instrumentos e canto que ofrecía Vigosónico, o local de ensaio e gravacións público da cidade, a partir do 6 de febreiro. A realidade é que estas clases de guitarra, baixo, batería e canto levan realizándose desde hai catro meses, pero ao ser de iniciación, ábrese unha nova convocatoria para que máis alumnos poidan dar os seus primeiros pasos no mundo da música.

O que si é unha novidade é a programación semestral de Vigosónico Campus, un conxunto de cursos e obradoiros que busca dinamizar un espazo que nos últimos anos acaparou máis titulares polas polémicas que o rodeaban que pola súa actividade. A programación, toda de balde, conta cunha decena de actividades relacionadas coa industria musical e cultural, entre as que atopamos talleres sobre produción, mastering, música de videoxogos, break dance, dereitos de autor ou organización de eventos musicais.

Demosónico, estudio aberto

Outra das novidades deste 2024 é Demosónico, unha iniciativa única que abre as portas do estudio de gravación ás bandas locais de Vigo, poñendo un foco especial naquelas que ensaian nos locais de Vigosónico. Durante o mes de maio, ata oito bandas ou artistas terán a oportunidade de gravar unha demo nun espazo de oito horas repartidas en dúas tardes. É unha ocasión perfecta para obter unha gravación de calidade que sirva de carta de presentación. A partir de marzo abrirán a convocatoria, pero xa adiantan as bases de selección: un sistema de puntos segundo a idade, lugar de residencia, participación nos obradoiros de Vigosónico, etc.

Para máis información recoméndase chamar ao número de Xuventude: 986 475 403; ou ao de Vigosónico: 986 616 388 (de martes a domingo de 16:30 a 21:00).

Grupos de Vigo en Loita, satisfeitos a pesar das limitacións

En xaneiro de 2022 nacía a plataforma Grupos de Vigo en Loita para demandar a reapertura de Vigosónico, que permanecía pechado por supostos problemas de ventilación. Tras varios meses de tensión, protestas e reunións, en maio de 2023 reabría definitivamente cunha nova xerencia encabezada polo músico e promotor vigués Juan Rivas. Iso si, o orzamento co que conta é, segundo Grupos de Vigo en Loita, o máis baixo da súa historia. Concretamente, 28.000€ euros anuais menor: “Vigosónico continúa a abrir menos horas que antes da pandemia e segue sen haber unha renovación do material”, indican desde o grupo. Sobre isto último, din, hai unha partida aprobada que esperan que se leve a cabo nos próximos meses.

Juan Rivas, xerente de Vigosónico desde maio de 2023 | P. Vázquez

Con todo, recoñecen estar “contentos porque está a funcionar mellor do esperado”, pero “peor que antes da pandemia pola falta de orzamento e de personal”. Tamén sinalan outro dos puntos débiles de Vigosónico, pero este xa é endémico: a súa localización. Sitauado á beira do Parque Tecnolóxico de Valladares, obriga ao uso de vehículo para chegar ata alí, algo un tanto incoherente tendo en conta que é unha iniciativa dirixida a xente nova, que en moitos casos non ten idade legal para conducir. Isto, sumado á folga indefinida de Vitrasa, fai que sexa bastante incómodo chegar ata as instalacións municipais. Oxalá houbese espazos no centro da cidade para este tipo de actividades culturais, por exemplo no alto do Castro ou na Casa da Xuventude en Pi y Margall.

Vigosónico
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.