ASNEVES
REVISTA MAIO

Vigosónico ofrece formación ao talento emerxente cun campus musical

A nova etapa de Vigosónico, o complexo de salas de ensaio público da cidade, semella comezar con bo pé. O Campus Vigosónico ofrece formación para o talento emerxente en numerosos ámbitos: canto, guitarra, baixo, batería, produción, organización de eventos, lexislación, etc. As preinscricións xa están abertas.

Toño López, un dos docentes dos cursos, durante un concerto con The Soul Jacket | P. Vázquez

Quen seguise a historia nos últimos meses, saberá que a situación de Vigosónico foi do máis convulsa. A plataforma Grupos de Vigo en Loita levou a cabo unha forte campaña para esixir, primeiro, a reapertura do espazo despois da pandemia e, despois, unhas condicións mínimas de calidade. O pasado mes de maio anunciouse a reapertura definitiva e o cambio de xerencia no proxecto municipal situado en Valadares, que a partir dese momento estaría dirixido polo músico e promotor Juan Rivas.

Juan Rivas | P. Vázquez

Despois de tantas polémicas, Vigosónico parece comezar o curso con bo pé. O Campus Vigosónico é un proxecto educativo e cultural dentro do complexo público Vigosónico, que ofrece formación musical e diversos obradoiros para o talento emerxente da cidade de xeito gratuíto. Estas clases de iniciación poden ser de canto, guitarra, batería e baixo; mentres que os obradoiros inclúen produción de música urbana, organización de espectáculos, composición de letras, creación de música para videoxogos, conferencias sobre arte sonora experimental ou charlas sobre aspectos legais da música, como a propiedade intelectual ou as desgravacións fiscais.

Para impartilos, Vigosónico conta cun plantel de experimentados artistas e expertos do eido musical como Toño López (The Soul Jacket), Martiño Toro (Nicolás Pastoriza, Iván Ferreiro), Manuel Rodríguez (Stoned At Pompeii), Patricia Hermida, Wöyza, Iago Feijoo, Patricia Fernández, Rafael Solemne ou Denis Siks, entre outros.

Segundo explican na web, “tamén se organizarán actividades complementarias como concertos, concursos e gravacións, para enriquecer a formación dos alumnos e favorecer a súa integración no ámbito musical vigués”. Para participar cómpre estar empadroado en Vigo e ter entre 10 e 35 anos.

Podes consultar aquí toda a información detallada e inscribirte aquí a calquera dos cursos e obradoiros.

Súbete ao Castro e Casa da Xuventude

O proxecto de Vigosónico non se pode entender sen o seu predecesor Súbete ao Castro, que pechou de xeito repentino en 2014 alegando a realización de obras. Estas obras nunca chegaron, igual que a súa reapertura. Este espazo situado no alto do Castro quedou inutilizado ata día de hoxe, que continúa sen uso coñecido. A Casa da Xuventude, situada na rúa López Mora, correu a mesma sorte en 2017. Uns anos antes, en 2011, nacera Vigosónico a raíz dunha colaboración entre Concello e Xunta dentro do programa Rede Galega de Salas de Ensaio. A diferenza das salas de Súbete ao Castro, estas quedaban ás aforas da cidade, no polígono de Valadares, o que complica moito o acceso especialmente ás persoas novas sen permiso de conducir.

Concerto de Brainwave en Vigosónico, en decembro de 2011 | Cedida

Clases

  • CLASES DE INICIACIÓN Á INTERPRETACIÓN VOCAL con TOÑO LÓPEZ / Todos los martes out, nov, dec.
  • CLASES DE INICIACIÓN DE BAIXO con MARTIÑO TORO / Tódolos martes out, nov, dec.
  • CLASES DE INICIACIÓN GUITARRA con MARTIÑO TORO / Tódolos mércores out, nov, dec.
  • CLASES DE INICIACIÓN DE BATERÍA con MANUEL RODRÍGUEZ BRAGADO / Tódolos martes oct, nov, dec.

Obradoiros

  • TALLER DE PRODUCIÓN, GRAVACIÓN E MESTURA DE MÚSICA URBANA con RAFAEL SOLEMNE Mércores 18 de outubro 25 de outubro. Mércores 1 e 15 de novembro.
  • TALLER DE INICIACIÓN Aos DEREITOS DE PROPIEDADE INTELECTUAL con JUAN RIVAS Xoves 12, 26 de outubro. Mércores 9 e 23 de novembro.
  • XORNADA SOBRE DESGRAVACIÓNS FISCAIS E INVESTIMENTOS CULTURAIS con PELICANO PARTNERS venres 20 de outubro.
  • TALLER DE ORGANIZACIÓN E PRODUCIÓN DE ESPECTÁCULOS E FESTIVAIS con IAGO FEIJOO Xoves 19 outubro. Xoves 2, 16, 30 de novembro.
  • CONFERENCIA “ARTE SONORA EXPERIMENTAL – PIONEIRAS DA MÚSICA ELECTRÓNICA con PATRICIA FERNÁNDEZ GONZÁLEZ. Venres 17 de novembro.
  • TALLER DE ORGANIZACIÓN E PRODUCIÓN DE ESPECTÁCULOS E FESTIVAIS IAGO FEIJOO Xoves 19 Outubro. Xoves 2, 16, 30 de Novembro. Xoves 21 de Decembro. (O obradoiro incluirá una xornada adicada a presentación do “Manual de boas prácticas en espectáculos ao vivo” produción espectáculos. Por Patricia Hermida e Ángel Dieste.
  • CONFERENCIA “ARTE SONORA EXPERIMENTAL – PIONEIRAS DA MÚSICA ELECTRÓNICA PATRICIA FERNÁNDEZ GONZÁLEZ. Venres 17 de Novembro.
  • WORKSHOP PRODUCIÓN DE MÚSICA PARA VIDEOXOGOS con DENIS SIKS sábado 21, 28 de outubro, sábado 4 e 11 de novembro.
  • WORKSHOP COMPOSICIÓN DE LETRAS PARA CANCIÓNS con WÖYZA / mércores 25 outubro, mércores 1 de novembro 28 de outubro, sábado 4 e 11 de novembro.
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.