CAMELIAS MASCOTAS

Vigo volverá correr contra o cancro o próximo 16 de outubro

Despois de dous anos sen poder celebrarse, a carreira solidaria Vigo Contra el Cáncer volverá encher as rúas de Coia o próximo 16 de outubro. As inscricións para participar xa están abertas, tanto na carreira de 10K como na andaina de 5K.

REVISTA NOVEMBRO

Desde o 2013 a Asociación Vigo Contra el Cáncer fai un chamamento á cidadanía para que de forma anual enchan as rúas da cidade nun evento deportivo que ten coma fin recaudar fondos para a investigación do cancro. Ata o de agora a resposta dos vigueses e viguesas ten sido masiva e neste tempo a asociación conseguiu recaudar 170.000 € que doaron a diferentes proxectos de investigación. Despois destes dous anos de parón obrigado, desde a organización animan a cidadanía a encher Coia de solidaridade.

A novena edición desta carreira terá lugar o domingo 16 de outubro nas dúas modalidades habituais: a carreira non competitiva de 5 km que se pode facer camiñando e a proba cronometrada de 10 km que puntúa no circuito municipal Run Run Vigo. Ao igual que no 2019, a proba sairá da Avenida de Castelao, onde se celebran habitualmente as festas de Coia e descurrirá por Avenida de Europa ata á altura da Fundación Sales onde fai un cambio de sentido para volver polo mesmo traxecto ata praza América e regresar a explanada de saída. Como cada ano, tamén se levará a cabo unha proba adaptada que sairá ás 9:45 h; ás 10:00 h sairán os corredores da 10 km e ás 10:45 h as persoas que queiran completar os 5 km. As inscricións xa están abertas tanto en liña, a través da web da asociación, como de maneira presencial, na planta de deportes de El Corte Inglés. Todas as persoas participantes recibirán unha camiseta conmemorativa da carreira. O prazo para inscribirse pecha o 9 de outubro, aínda que podería pecharse antes se se alcanza o número máximo de 5.000 participantes, como aconteceu na última edición. En caso de que quedemos sen praza ou non poidamos participar, podemos facer a nosa aportación comprando un dorsal ‘0’.

Este ano o diñeiro recadado con esta proba deportiva irá destinado ao proxecto de investigación BICAR (Bacterias Intestinais en Cancro de Recto) que ten como obxectivo identificar perfís poboacionais na microbiota para poder predicir as respostas ao tratamento do cancro de recto. O cancro colorrectal, no que se agrupa aos pacientes de cancro de colon e aos pacientes que sofren cancro de recto, é un dos que máis se diagnostica cada ano. Soamente no noso país, a SEOM (Sociedade Española de Oncoloxía Médica) estima que se detectarán no presente 2022 máis de 43.000 novos casos. O proxecto BICAR está liderado pola Dra. Carme García Benito, oncóloga do Hospital Álvaro Cunqueiro, que conta coa colaboración dos Dres. Clara González Follea, Alberto Garrido Fernández e Alfredo Rodriguez Dá Silva, do Servizo de Oncoloxía e o Servizo de Microbiología do CHUVI e desenvólvese no grupo de investigación de Oncoloxía Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS).