UVIGO
FILLOAS

Vigo anda contra o cancro infantil

Este domingo celébrase a II Andaina contra o Cancro Infantil que partirá ás 11 da mañá da praza do Rei e rematará no parque de Castrelos cunha gran festa. Unha actividade pensada para públicos de tódalas idades que ten como fin axudar as familias que se atopan nesa situación.

Vigo bota andar este domingo por unha boa causa. A Segunda Andaina Solidaria contra o Cancro Infantil consiste nun percorrido de algo máis de 3 quilómetros pensado para que participe público de tódalas idades. A marcha sairá ás 11 da mañá da praza do Rei e rematará no parque de Castrelos tras pasar polas rúas Cachamuiña, Pi i Margall, López Mora e Avenida de Castrelos. Como colofón no parque de Castrelos terá lugar unha gran festa na que haberá exhibición de zumba na que pode participar todo o mundo e diversos xogos infantís. Ademais, haberá agasallos para os máis pequenos.

A recadación irá destinada para as asociacións Bicos de Papel e Asanog que traballan para axudar aos nenos e adolescentes diagnosticados con cancro e as súas familias. Bicos de Papel actúa no ámbito do Hospital Álvaro Cunqueiro onde anualmente se atenden a 50 nenos oncolóxicos. Pola súa banda, Asanog é unha asociación de ámbito galego que naceu da iniciativa das propias familias afectadas.

Todos os interesados en participar na andaina poden inscribirse na planta 5ª do Corte Inglés, por un prezo de 5€. A cambio recibirán unha gorra conmemorativa da marcha, que espera superar os máis de 400 participantes da pasada edición.

CAMELIAS NADAL

(GMT+01:00) Parque Castrelos