CAMELIAS MASCOTAS

Vigo Histórico, dez anos de relatos vigueses

O certame de relatos Vigo Histórico, impulsado pola editorial local Elvira, presentou esta semana as bases de participación da súa décima edición. O prazo está aberto ata o 30 de xuño e, como sempre, Vigo debe ser un dos protagonistas das historias.

Rúa da zona vella de Vigo | P. Vázquez

A Reconquista, os concertos de Castrelos, o Nadal… e o certame de elatos Vigo Histórico. Todos eles momentos esperados cada ano con ilusión polos vigueses. En maio de 2014 comezou a dar os seus primeiros pasos este concurso que en 2023 celebra a súa décima edición, e que naceu co obxectivo fundamental de dar un espazo onde expresarse aos escritores e escritoras noveis de Vigo, Galicia, España e mesmo do estranxeiro. Malia os cambios producidos ao longo dos anos, unha cousa sempre perdurou: a cidade de Vigo é a gran protagonista deste evento.

REVISTA NOVEMBRO

Na rolda de presentación do evento, o máximo responsable da editorial Javier Romero destacou a importancia de chegar a esta décima edición, pasando por momento moi complicados como a pandemia, cando aínda así se celebrou o certame. Ademais, engade, “é unha edición moi especial, porque non só se celebran dez años de certame, senón que tamén coincide co centenario do nacemento de Carlos Oroza, que foi xurado do premio na primeira edición“.

Clara do Roxo, xurado, e Javier Romero, director de Elvira | Cedida

Desde o 31 de marzo ata o 30 de xuño calquera persoa pode presentar os seus escritos, en galego ou castelán, ao correo certamenvigohistorico@gmail.com. O tema do relato é libre coa única condición de que a cidade de Vigo ten que ser protagonista, tal e como aparece nas bases do concurso. Admitirase un único texto por autor, cunha extensión máxima de catro páxinas por unha cara (ou o equivalente a 8.000 carácteres con espazos). A finais de setembro e comezos de outubro comunicarase aos autores que as súas pezas foron seleccionadas para formar parte do libro. Como sempre, antes de que finalice o presente ano realizarase a gala de entrega dos premios, na que tamén se presentará o libro Relatos na Rúa X.

O autor do cartel desta décima edición é do artista galego Wences Lamas, que nos dará a súa propia versión da Panificadora. O xurado está composto pola escritora Ledicia Costas, o pintor Antón Pulido, o editor Bieito Ledo, a escritora Clara do Roxo, o xornalista Jacobo Buceta; a filóloga e poeta Patricia Meira, a escritora e actriz María Lado e a xornalista Noelia Otero Lago.