Editorial Elvira convoca o oitavo Certame de relatos Vigo Histórico
A Editorial Elvira anuncia que a oitava edición do Certame Vigo Histórico xa está en marcha. O popular certame de escritura de relato curto ten como premisa máis peculiar que todas as pezas presentadas deben ter a cidade olívica como escenario principal.
Vigo deberá ser protagonista de todos os relatos que se presenten ao VIII Certame de relatos Vigo histórico que, un ano máis convoca a Editorial Elvira. As bases estipulan que a cidade olívica deberá ser non só escenario, senón “parte transcendental do relato, un elemento destacado, como o son as personaxes ou a trama”. O resto de elementos quedan a elección do autor, pois o certame acepta obras de calquera temática e xénero narrativo, escritas en galego ou castelán e chegadas desde calquera nacionalidade, sempre que o escritor sexa maior de idade.
As persoas interesadas en escribir relatos coa cidade de Vigo como protagonista deberán presentar ata un máximo de catro páxinas en formato Word ao enderezo electrónico indicado nas bases do concurso. O prazo para facelo vai desde o día 26 de marzo ata as vinte e catro horas do 1 de xullo de 2021. Pasada esta data, un xurado formado por persoas vencelladas ao ámbito literario e cultural decidirán os gañadores, que serán comunicados entre o 30 de setembro e o 8 de outubro de 2021.
Unha vez coñecidos os gañadores, Editorial Elvira publicará un libro cos relatos gañadores, os accésits e unha selección de aqueles que, a xuízo do xurado, sexan merecedores de publicación. Entregaránse dous premios e ata catro accesit, estes últimos só se o xurado o considera necesario. O primeiro premio consistirá en 1.000 € e un lote de libros pertencentes a Editorial Elvira, valorado en 200 euros. O segundo premio consistirá en 500 € e un lote de libros. Cada accésit terá un premio de 200 €. Ademais, tanto gañadores como accésit recibirán dous exemplares do libro no que estarán publicados os seus relatos.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Al Wahab: cociña sirio-libanesa no centro da cidade - 5 Outubro, 2024
- Oito tendas de moda e creatividade que reinventan o estilo da nosa cidade - 4 Outubro, 2024
- A mariscadora Dula Piñeiro protagoniza o Festival Kerouac adicado ás poetas do mar - 25 Setembro, 2024
- Nove actividades imprescincibles do Galician Freaky Film Festival - 20 Setembro, 2024
- Turmalina: ‘brunch’ á brasileira - 17 Setembro, 2024