CAMELIAS MASCOTAS

Vigo celebra as nosas letras

Este ano as Letras Galegas homenaxean a escritora María Victoria Moreno e en Vigo hai programados diversos actos arredor da súa figura. Música, recitais de poesía, conferencias e contacontos. Unha xornada para celebrar a nosa lingua.

A escritora homenaxeada este ano, María Victoria Moreno.

Vigo celebra as letras galegas con numerosos actos en diferentes puntos da cidade que poñen en valor o legado de María Victoria Moreno para o pervivir da lingua galega. Un dos actos centrais é o XIII Festival Coral das Letras Galegas que se celebrará no Mar de Vigo a partir das 6 da tarde. Un evento gratuíto que reunirá a varias agrupacións corais da cidade. Outra cita a destacar, é o recital de poesía que se celebrará a partir das 20:30 na rúa Londres. Os creadores do festival Kerouak están detrás desta iniciativa na que participan 15 poetas que lerán poemas propios e de María Victoria Moreno para celebrar a nosa lingua. Tomarán parte deste evento a recoñecida poetisa Graciela Baquero, o director de Galaxia Francisco Castro, a xovencísima Sara Faro ou outros artistas como Jesús Quereizaeta, que fará un rap con letras de Moreno. Pero, non serán os únicos eventos. Por exemplo, en Bouzas conmemorarán as Letras Galegas construíndo un maio e coa teatralización dun conto e en Matamá e Valadares as celebrarán con música.

Os museo tamén celebran as letras

REVISTA NOVEMBRO

Xornada de portas abertas tanto no Museo do Mar como no Museo Liste. Todo o mundo está convidado a visitar ambos museos de forma gratuíta, ademais nos dous espazos hai programadas actividades para celebrar o día. O Museo do Mar celebra unha sesión de contacontos ás 17:30 horas a cargo de Xarope Tulú, titulada ‘María dos ollos albarados’. Un espectáculo dirixido a nenos de entre 3 e 10 anos elaborado a partir da obra de María Victoria Moreno. Neste contacontos se percorre o universo da autora, poñendo de manifesto os temas máis relevantes dos seus escritos, como a importancia dos afectos no ámbito educativo, o respecto pola natureza ou o amor polos animais.

No Museo Liste as actividades serán matinais. A programación arrancará ás 10:30 coa actividade ‘Apañando verbas perdidas’ que consistirá en recoller vocablos en desuso. Ás 11:30 comezará unha actividade dirixida ao público infantil. Os nenos confeccionarán un mural en torno a autora e participarán no sorteo de varios libros. A esa mesma hora tamén hai programada unha visita guiada polas exposicións permanente e temporal do museo. Por último, ás 12:30 terá lugar o acto de entrega de premios, tanto do V Concurso fotográfico do museo coma do VI Concurso de relatos para nenos e nenas.

Aínda que o día grande é o xoves 17, hai moitas máis actividades programadas en torno a María Victoria Moreno e as Letras Galegas que podes consultar na nosa axenda.