Variopinto, tecido feminino
Hai xa dez anos que Minia Banet aprendeu a tecer con gancho e a expoñer algunhas das súas pezas a través das redes sociais. O que empezou como unha afección, acabou levándoa a aprender bordado e converteuse nun dos motores da súa vida baixo o nome dunha marca persoal: Variopinto.
Minia é fotógrafa, bordadora, amante da artesanía e cinéfila. Que facer con tal combinación? Ela decidiu conxugar todo iso bordando sobre bastidores retratos das súas referentes cinematográficas e vitais. En Variopinto atopamos bordados con ídolos femininos procedentes de diversas áreas da cultura: actrices como Marilyn Monroe, escritoras como Rosalía de Castro, ou fotógrafas como Vivian Maier, entre moitísimas outras. De querer formar parte e contribuír a ampliar o tecido feminino a través desta técnica, podémonos poñer mans á obra nalgún dos obradoiros que esta marca ofrece a través de Internet ou de xeito presencial en diferentes lugares de Galicia.
Feitas á man, estas pezas únicas están deseñadas para decorar paredes e andeis das nosas casas para lles dar un toque vintage. Ademais, son unha boa idea para facer un regalo orixinal. Para mercar algún dos bordados de Minia, pódese visitar a web studiovariopinto.com ou visitar a tenda Vaidhé (rúa do Carral, 7) e botarlle unha ollada ás posibilidades que ofrece esta técnica de artesanía mixta que une tradición e vangarda. As mulleres bordámolo!
Estela Gómez
Correctora literaria e redactora de contidos
Estela Gómez
Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)
- Triqueta Editora, pequenos grandes lectores - 7 Novembro, 2024
- Newt Crafts, artesanía arraigada - 27 Setembro, 2024
- Éxfico Clothing, recortes con estilo - 16 Xullo, 2024
- Noc Noc Estudio, a moda chama á porta - 21 Xuño, 2024
- Malahostia, moda con moito xenio - 27 Maio, 2024