CAMELIAS MASCOTAS

De Vacas: “Na versión do Despacito contamos unha experiencia sexual desde a perspectiva da muller”

Pinta (Faia Díaz), Marela (Inés Salvado), Morena (Paula Romero) e A Rubia (Guillermo Fernández) son as integrantes de De Vacas. Un grupo cuxo principal ingrediente é a retranca, como xa deixan entrever no nome. Este sábado estréanse en Vigo, aseguran que será un espectáculo moi entretido e sorprendente no que soarán temas como o ‘ Wannabe’ das Spice Girls, ‘Single ladies’ de Beyoncé ou o ‘Despacito’ de Luis Fonsi na súa versión máis autóctona.

Como definiriades o que facedes a alguén que non vos coñece?
Facemos versións de música moi comercial. Dámoslle un xiro musical que, cando menos, chama a atención da xente, porque convertemos cancións que teñen unha produción musical tremenda en tres voces e unha guitarra.

Por que decidistes chamarvos De Vacas?
É un animal que nos gusta, sentímonos identificadas coa súa calma e placidez. Ademais, este é un país onde a vaca é un símbolo importante. E por outro lado, nós chamabámonos a nos mesmas así: Pinta, Marela e Morena e pensamos que era unha moi boa idea pornos o nome de De Vacas.

“Criámonos bailando diante do espello coa música das Spice Girls e non sentimos vergoña.”

Como naceu de Vacas?
Nós as tres cantábamos xuntas no coro da Ra de Santiago e levábamos tempo argallando facer algo que reivindicase o repertorio da nosa adolescencia. Criámonos bailando diante do espello coa música das Spice Girls e non sentimos vergoña por iso. Despois, chamamos a Guille que se animou encantado dende o inicio, aínda que non comparte adolescencia con nos.

Cal foi a primeira versión que fixestes?
O Gangnam Style por proposta de Guille, con esa canción fixemos o primeiro videoclip e a xente comezou a reaccionar moi positivamente. Ante esta resposta, decidimos que tiñamos que montar máis temas.

“Os dous puntos de inflexión foron cos dous videoclips que sacamos: o Gangnam Style e despois o Amodiño”

Nalgún momento notastes un boom?
No primeiro concerto que dimos, que foi no Feito a Man de Santiago no verán de 2016, vimos que a xente reaccionaba superben. Despois, no verán do 2017 creceu aínda máis. Coincidiu co Amodiño, que a verdade foi un boom e paulatinamente fomos crecendo e seguimos crecendo cada día. Tamén saímos na tele nalgunhas ocasións, iso axuda a obter visibilidade. Pero os dous puntos de inflexión foron cos dous videoclips que sacamos: o Gangnam Style e despois o Amodiño.

De feito o Amodiño xa ten máis de 400.000 visualizacións que se di pronto.
Si, si a verdade que foi espectacular.

Cal é a mensaxe que pretendedes lanzar coas vosas letras
As mensaxes tamén dependen da perspectiva do público que as reciba, pero nós no caso do Amodiño o tiñamos claro. Estamos plagadas de versión machistas e de perspectivas masculinas, onde o papel da muller queda relegado a un mero obxecto que se utiliza. Entón démoslle a volta, levámolo a nosa voz e cantámolo dende a nosa perspectiva de mulleres que contan como é unha experiencia sexual. Hai unha mensaxe clara que se traslada a moitas outras cancións que facemos.

Máis alá da versión en si, o propio videoclip foi parte do éxito.
Si, seguindo na liña do Gangnam Style. Saímos sentadas nun sofá e van sucedendo cousas. Neste caso co Amodiño foi comendo churros. Ocorréusenos que podería ser divertido almorzar cantando o Amodiño. Un contexto un pouco subreal, pero con ese punto de sinxeleza á vez.

““O noso gran soño é facer unha xira con Enrique Iglesias, estamos abertas a colaboracións””

Tedes constancia de que algún dos artistas que versionáchedes escoitara os vosos temas?
A verdade que non. Sabemos que a web oficial de Sabrina no Twitter deulle me gusta a nosa versión do Boys Boys Boys… e foi bastante chocante a verdade. Pero, Beyoncé non se puxo en contacto con nos, Enrique Iglesias tampouco… e non temos novas das Spice Girls. Como temos dito noutras ocasións, noso gran soño é facer unha xira con Enrique Iglesias, así que nós non descartamos nada. Si el algún día se quixera poñer en contacto con nós, pois estamos abertas a colaboracións.

Estrañaríame moito que Luis Fonsi non saiba do ‘A Modiño’, xa non só pola repercusión que tivestes no Youtube, senón porque saístes en moitos medios de comunicación.
Saímos incluso no telexornal de Telecino e Paula Vázquez traduciu a canción na Cadena Ser. Pero non temos constancia de que Fonsi a escoitara e realmente vendo a animalada de visualizacións que ten a súa versión orixinal, o noso pasa totalmente desapercibido.

Vos autoproducides?
Si, por sorte temos recursos para todo isto. Guille e quen se dedica a montaxe e a gravación dos temas, e Inés, que vén do mundo audiovisual, fai os videoclips. O resto axudamos en produción e todo o que faga falta. É un traballo en equipo.

Como escolledes as cancións?
Teñen que ser cancións comerciais, que a xente as recoñeza, que marcaran algún momento tanto da nosa xeración como das xeracións seguintes. E despois temos que probala é ver si vale para interpretar con unha guitarra e tres voces. É un proceso de proba-erro, ata que acertas.

Estades a traballar nalgunha versión nova?
Sempre estamos montando temas novos. O mundo da música comercial é unha fonte de riqueza inesgotable (risas) hai tanto, tanto, tanto que realmente sempre estamos argallando en algo. Si que hai temas novos, pero non diremos nada porque é sorpresa.

En Vigo tocaredes algún destes temas novos?
En Vigo nunca estivemos, entón todo é novo… Podemos dicir que haberá un pouco de todo, tocaremos temas do principio e tamén dos que estamos a facer.

REVISTA NOVEMBRO

“Consideramos as nosas versión fillos propios”

Tedes pensado lanzar cancións propias.
A idea é facer temas propios. Aínda que as nosas versión xa as consideramos temas nosos, porque sofren un cambio enorme a nivel musical e tamén cambiamos a letra e o sentido da mensaxe da canción, así que os consideramos fillos propios. Pero non descartamos facer grandes hits no futuro (risas).

Vos dedicades profesionalmente a música?
Combinamos o grupo con outras actividades. Hai una diversificación moi grande dentro do mundo artístico para poder chegar a fin de mes. Somos unhas privilexiadas por poder tocar tanto, pero a realidade é que o mundo da arte en xeral está moi complicado. Sentímonos moi afortunadas por poder facelo, pero non é fácil e, dende logo, non é o máis común, por desgraza.

Por que animariades aos vigueses a vir a o concerto do sábado?
Porque o van pasar moi ben. Van recoñecer moitas das cancións, vanse sorprender coas nosas versión e a forma que temos de cantalas e van a pasar un rato moi, moi agradable.

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.