Unha volta ao obxecto

«Eu tamén podo facer iso coas mans». Esta é a premisa que levou á viguesa Olalla Lojo a iniciar unha marca de seu: Misoco Designs, que asina pezas únicas coas que materializa as propias emocións. O soporte que escolleu para lles dar forma ás ideas foi o da cerámica, arte ancestral que nos achega ás orixes a través dunha viaxe en torno ao obxecto, fornecéndose nunha idea abstracta ata concretarse no obxecto grazas á maxia do modelado manual.
Tras licenciarse en Belas Artes pola Universidade de Vigo, Olalla marchou estudar fotografía a Cataluña, na escola Barcelona Centre D’Imatge, facendo desta disciplina na súa primeira actividade profesional. O afán por explorar distintos soportes levouna a formarse en diferentes oficios, como a patronaxe. Finalmente, foi na Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO) onde se decantou pola serigrafía manual e, abofé, pola cerámica que deu no que hoxe é Misoco, un nome de fonética agradable que vén do xogo entre dous termos: a primeira vén da referencia á señorita na fala inglesa, miss; namentres que a segunda se refire á importancia do espazo baleiro, do oco. Misoco Designs ofrece pezas de autor para o fogar e a restauración, con deseños que se inspiran en liñas suaves e puras, nas texturas e nas formas orgánicas. Pezas delicadas e liviás que proxectan harmonía e sensacións agradables para os sentidos. Estamos ante unha desas marcas comprometidas coa produción a pequena escala, apostando pola proximidade e porque cada obxecto sexa unha peza única.
Para lles botar un ollo ás vaixelas, aos vasiños rosas, aos saleiros e pementeiros e ás garras de oso que conforman o catálogo de cores e formas de Misoco, podemos visitar a web misocodesigns.com. Mais para sentir o tacto da arxila, o mellor é achegarse ao obradoiro que Olalla abriu recentemente no número 37 da rúa da Ferrería, onde se poden ver as pezas ao vivo, coñecendo á artesá que as asina. Apostemos pola artesanía de Galicia e enchamos as nosas mesas de culleres, pratos, cuncas… De pezas que nacen dunhas mans para chegar ás nosas.
Estela Gómez
Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)
- Variopinto, tecido feminino - 24 Marzo, 2023
- Estudio Brétemas, a proba de auga - 24 Febreiro, 2023
- Mundaya: deseño galego ao ombreiro - 9 Decembro, 2022
- Pereira leva o marisco á mesa - 9 Decembro, 2022
- Ardentia: xoiería atlántica - 9 Decembro, 2022