CAMELIAS MASCOTAS

Unha resistencia improvisada

Seguro que coñeces a Movida. Non a nosa, que xa sabemos que si, senón a dos oitenta. Pero algunha vez sentiches falar da Metamovida? Aínda que o poida parecer polo nome, ámbolos dous movementos culturais non teñen absolutamente nada que ver. Ou si, porque a música como é o principal medio de expresión dos dous e tanto un coma o outro pasan pola nosa cidade.

A Metamovida é un colectivo cultural, dacabalo entre Vigo e Pontevedra, fundado en 2011. Segundo David Santos, socio fundador e membro de Cró!, «eramos un grupo de coñecidos e músicos con inquedanzas e problemas parecidos, polo que se nos xuntamos cada certo tempo para falar sobre isto estaría moi ben». O que empezou como un colectivo formado por catro bandas, ten na actualidade case unha vintena, entre as que atopamos alén da amentada Cró!, outro grupos como BALA, diola, Pálida, Zamaramandi, ou 16mm. Como todo ten unha orixe, a do colectivo Metamovida atopámola na OMEGA (Orquestra de Música Espontánea de Galicia), da que formaban parte tanto David Santos como a violoncellista Macarena Montesinos: «todos nos coñecemos na OMEGA, unha orquestra na que nos xuntabamos vinte e tantos músicos de toda Galicia e que, a medida que foi morrendo, foi nacendo a Orquesta Metamovida, na que levo xa un ano», di ela.

Que teñen de especial estas orquestras que non teñen as demais? Que o seu espectáculo está baseado por completo na improvisación. O que nos leva a falar das sesións HALO (siglas de High Altitude Low Opening), que teñen lugar os xoves na nosa cidade, xa sexa na sala Kominsky ou no jazz café La Galería. «Cando a OMEGA deixou de existir, tiñamos a necesidade de seguir con esa actividade, polo que Saúl Puga propuxo realizar unha serie de sesións semanais de improvisación», comenta Macarena. O primeiro ano foi Saúl o que elixía, de xeito máis ou menos azaroso, as formacións que ían actuar cada xoves. Na actualidade, o colectivo ascendeu a máis de trinta músicos e todo se faide modo asembleario. Levan a autoxestión por bandeira, realizando eles as propostas, os carteis ou o contacto cos locais. Algunhas destas agrupacións, creadas expresamente para as HALO, continuaron posteriormente tocando xuntas, como é o caso de Fritanga, Comando Radar ou Castromilf. «Así e todo, a idea básica segue a ser xuntar tres improvisadores para tocaren xuntos sen que saiban nada, improvisación libre e sen estilo», engade David. Ademais, neste quinto ano dassesións HALO hai un par de novidades: a posibilidade de actuar individualmente, sen banda, e o First Meeting. «Tres ou catro do núcleo duro do colectivo decidimos a quen chamar dunha serie de músicos que previamente confirmaron que ese día poderían tocar. Entón chegan ao local sen saber con quen van compartir escenario», explica Macarena. O público tamén é partícipe deste tipo de xuntanzas, por exemplo escribindo nun papel o improvisado título dunha canción inexistente, que os músicos terán que desenvolverdeseguido. Por último, o terceiro xoves de cada mes, na sala Kominsky haberá unha jam session posterior ao concerto.

REVISTA NOVEMBRO
Macarena Montesinos e David Santos | P. Vázquez

Tanto Macarena como David, axitadores culturais e amantes do underground, non ven con moito optimismo asituación da cultura viguesa na actualidade. A primeira comenta que «non hai convocatorias públicas, o MARCO leva un ano sen director, non hai circuítos, as axudas son insuficientes ou sempre para os mesmos, xa non existe Súbete ao Castro,  non se aposta polo experimental, hai espazos infrautilizados como Castrelos…a cousa é grave», e finaliza comentando ironicamente que a única participación cidadá do ano foi votar se preferiamos o acendido das luces de Nadal o 17 ou o 24 de novembro. David, a pesar de coincidir plenamente coa súa compañeira, prefire quedar co lado bo das cousas, como cantaban os Monty Python: «vexo un tecido cultural forte e penso que Vigo ten potencial artístico en danza, música, pintura, teatro ou en calquera disciplina. A parte positiva de todo isto é aprender a autoxestionarse e sacar adiante iniciativas que paguen a pena».

Por Pablo Vázquez

[Este artigo está publicado na revista A Movida de febreiro de 2019. Podes consultala na versión dixital ou facerte con ela de formar gratuíta nos nosos puntos de distribución. Se queres aproiar o noso proxecto e comezar a recibila na túa casa faite #AMOVIDALOVER ]

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.