Entrevista a Ricardo Castella e Grison, dous dos alicerces de La Resistencia
Se hai un programa de televisión que nos últimos anos está a colleitar premios e parabéns por parte do público é La Resistencia, o late show de #0 presentado por David Broncano. Nun recuncho do escenario do madrileño teatro Alfil podemos observar a dous “secundarios” de luxo: Ricardo Castella, veterano cómico cazatalentos e director do programa; e Marcos Martínez ‘Grison’, campión mundial do 3º Boss Loopstation Contest de beatbox, músico e gran revelación do show grazas aos seus ocorrentes comentarios. Falamos cos dous xusto antes da súa visita ao Teatro Salesianos este venres ás 21:00. Podes mercar aquí as túas entradas.
O primeiro preguntarvos sobre que podemos agardar do espectáculo, xa que é a primeira vez que se fai.
Ricardo Castella: Pois é que non o sabemos nin nós mesmos. Tiñamos a curiosidade de saber que pasaría se falásemos entre os dous, que é algo que no programa nunca pasa. E iso é basicamente o que imos a probar.
Por que Galicia para debutar?
Grison: Pois empezamos por Galicia porque a produtora Pares o Nones foron os primeiros en chamarnos.
Ricardo Castella: Non, non é por iso Marcos. É porque imos facer España enteira e empezamos de esquerda a dereita por arriba.
G: Entón acabaremos en Almería?
RC: Ou no mar mesmo, que nos tiren alí.
G: Ou en Murcia tamén, é unha boa zona onde rematar.
RC: Rematar a xira en Murcia, gústame.
Como xurdiu a idea de levar aos teatros este show?
RC: Basicamente porque tiñamos moito tempo libre. O facer un programa diario apenas leva tempo, son só 50 minutos de traballo, polo que quedan 24 horas e 10 minutos para facer o que queiras.
G: Serán 23 horas.
RC: É verdade! Madre mía, somos xente responsable pero non sabemos restar.
Marcos, lembras como se che presentou a oportunidade de participar en La Resistencia hai dous anos?
G: Eu presenteime cunha guitarra e fíxonos graza.
RC: Para el foi así. Para min foi que me chamou David Broncano que alguén o chamara a el… vamos, que foi unha cadea.
G: Bueno, non sei, unha cousa levou á outra, non?
RC: Si, fómonos xuntando. Como cando ao principio da película reúnense todos os mercenarios, rollo Equipo A.
Vésevos moi boa química entre os dous. Tedes coincidido antes do programa?
G: Eh… si, temos coincidido na igrexa os domingos pola mañá desde hai 16 anos.
RC: Isto é moi triste pero eu estiven na demo dun dos pedais de loops que utiliza Marcos, ata lle preguntei cousas e todo. Pero non se acordaba de min, tiven que lembrarllo.
G: É que foi unha época un tanto escura para min. Moitos pedais.
Para Grison de novo. Ao longo destas dúas tempadas convertécheste na gran revelación do programa. Agardabas ter esta acollida?
G: Si, o Leo Messi de La Resistencia chámanme (risos). Eu non me plantexaba nada, con durar e poder gañar un soldo mensual estaba ben.
RC: Xente humilde, o caldo de cultivo co que se fai á xente da tele.
É de sobra coñecido o interese do público en que se che entreviste no programa. Tes ganas de que iso aconteza?
G: Pois non o sei, a verdade. Dáme igual, se sae será porque faltou algún convidado. Non hai un interese especial niso.
RC: A nós danos medo porque probablemente habería que modificar a Constitución.
Agora ti Ricardo. En La Resistencia sorprendiches coas túas habilidades como músico ademais de como cómico. Desde cando vén esta faceta?
RC: Calquera cousa que eu saiba facer dunha forma medianamente articulada sorprende moito, quizais ninguén esperaba que coas miñas pintas tivera esa sensibilidade para a arte.
E para rematar, como é dirixir un programa tan exitoso e á vez tan libre como La Resistencia?
RC: Consiste basicamente en xutar xente que sexa moi boa no seu e deixar, dentro do que permite a lei, que fagan o que queiran. É así de sinxelo.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Dez anos do Desafío Boot Camp, a carreira de obstáculos máis emblemática do noroeste peninsular - 13 Setembro, 2024
- Nin Batman quere perderse o 40º aniversario da Orquestra Clásica de Vigo - 10 Setembro, 2024
- Beiramar de fondo: o pasado industrial de Vigo sae á superficie - 29 Agosto, 2024
- 12 festivais para pechar o verán e comezar o outono - 29 Agosto, 2024
- Pantomima Full, La Ruina, Héctor Alterio ou Cayetana Guillén-Cuervo visitan este outono o Teatro García Barbón - 21 Agosto, 2024