CAMELIAS MASCOTAS

Unha nova vida para O Almacén Cultural

Jorge e Elena en Simia, o novo local do Almacén Cultural | P. Vázquez

Desde que arribaron a Vigo hai unha década, Elena Branco e Jorge Patiño convertéronse nuns deses dinamizadores culturais dos que presumir nesta cidade. En 2014 crearon a escola de baile Swing On e, dous anos despois, canda Laura Rosales, tomaron a remuda do malogrado Charenton Club e volveron facer dese baixo de pedra do número 58 da avenida de Ramón Nieto, un local que en 1911 se erixiu como sede da Sociedade de Agricultores de Lavadores, un espazo que en 2016 reabriu como O Almacén Cultural.

REVISTA NOVEMBRO

Durante un lustro o local encheuse cun feixe de cursos, charlas, concertos, exposicións, funcións teatrais, proxeccións e servizo de cafetería, pero en agosto de 2021 O Almacén Cultural anunciaba en redes sociais o cese da actividade por mor da finalización do contrato de alugueiro. Ano e medio despois, o proxecto volve anovado e con forza: «O Almacén tivo un final triste e non quedamos conformes, por iso decidimos resucitalo», conta con alegría Elena. Define esta nova etapa como «un concepto» máis que como un espazo; polo momento, o cuartel xeral instalouse en Simia Coworking, espazo localizado no número 9 da céntrica rúa de Afonso XIII, ás faldras de Churruca. «Queremos tecer redes cos promotores de eventos e donos dos bares da zona», destaca a promotora. Tamén salienta como vantaxe desta nova residencia o nutrido grupo de profesionais que habitan en Simia: o músico Javier Álvarez, o taller de cerámica Fango, a modista Felicetta Gualtieri, o xornalista Claudio M. Nóvoa, a devandita escola de baile Swing On ou a esteticista María Varela.

Neste novo capítulo, O Almacén Cultural céntrase na formación, sempre deixando a porta aberta á organización de algunha lideira. A oferta de cursos é ben ampla: artes escénicas, artesanía, audiovisuais, baile, cianotipia, escrita creativa, maxia, moda… Todas estas formacións están dirixidas ao público adulto. A frecuencia tamén é variada; ofértanse cursos de cinco meses, de dúas semanas ou dunha soa xornada, como por exemplo un obradoiro para facer quimonos: «Vés un día, fas un quimono e lévalo para a casa; xa está», resume Elena. O desembarco do Almacén en Simia promete encher, aínda máis, este espazo polivalente de cultura e creatividade ao longo deste 2023.

O Almacén Cultural | Rúa de Afonso XIII, 9 | oalmacencultural.com | 625 58 19 31 | info@oalmacencultural.com | @oalmacencultural

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.