Unha loa ao ensino para celebrar o día da lingua materna nos Multicines Norte
Con motivo da celebración do día da lingua materna Multicines Norte proxecta ata o domingo o filme ‘A palabra xusta’, que conta a historia de amor polo ensino da mestra Antía Cal.
Antía Cal, coñecida por todos como Tita, é a grande protagonista deste filme dirixido polo ourensán Miguel Piñeiro. Aos seus 93 anos Tita viaxa ata a casa familiar en Muras e fai un percorrido por toda a súa biografía. Unha vida dedicada a transmitir o amor por vivir como único camiño á felicidade.
Nada en Cuba, aos 9 anos viaxaría a Galicia coa súa nai. Nos tempos universitarios en Santiago de Compostela coñeceu ao seu marido Antón Beiras, xunto co que anos máis tarde viaxaría por Europa. Estas viaxes déronlle a oportunidade de coñecer ao pedagogo suízo Enrique Pestalozzi e as novas correntes educativas. Ao seu regreso en Galicia fundaría a escola Rosalía de Castro en Vigo, impondo un sistema innovador e revolucionario para a época. Tita abriría a escola para nenos de 0 a 10 anos, nuns tempos nos que en España non se escolarizaba aos rapaces ata os 7 anos. Mesturaría na mesma aula a nenas e nenos e sería a primeira escola bilingüe na que a metade das aulas se impartirían en castelán e a outra metade en inglés.
Tita é tamén unha gran defensora dos dereitos da muller. Revélase contra o que lle vén imposto e loita para poder ir a Universidade. Tamén lle dá moita importancia a que a muller traballe fóra da casa, gañe os seus cartos e con eles independencia.
O filme é unha obra poética. A historia vai fiada coas cartas de amor que Antón Beiras lle escribía cando eran mozos (na voz do actor Javier Gutiérrez) e os recordos da propia protagonista (na voz da actriz Rebeca Montero). Un canto ao amor, feito dende o amor.
O filme proxectarase cada día desta semana ata o domingo nos Multicines Norte ás 20:10 horas.