CAMELIAS MASCOTAS

Un feliz mundo novo

Deloutro día parei na libraría Couceiro, en Compostela, sita na vella Praza do Pan e hoxe de Cervantes. Pablo, o libreiro, contoume deica cal extremo a presión turística asfixiara o comercio local. Tras a COVID-19, no contexto do Xacobeo, a afluencia de visitantes provocara a especulación da urbe. Até cinco locais en apenas trinta metros á redonda pecharan: roupa infantil, zapataría, acibacharía… No seu lugar, multinacionais e tendas de recordos. O prezo dun café duplicouse. Nalgunhas terrazas, a partir do mediodía, está prohibido tomar un viño, pois só permiten comer de pano e mantel. Os alugueiros desterraron aos arrabaldes o groso universitario. O monstro do turismo descontrolado finita o pequeno comercio e a vida de barrio. A cidade réndese devagariño sacrificando a súa identidade, un aquel que Otero Pedrayo definiu como «a maior aldea de Galiza». Velaquí a terciarización en estado puro: precariedade laboral, salarios miserables en relación ás horas feitas, presións fronte aos dereitos… Engádaselle unha suba xeral de prezos. Pro non só por causa da inflación, senón polo turismo masivo que como un Gargantúa engulipa a vida urbana converténdoa nun parque temático ao servizo do foráneo.

REVISTA NOVEMBRO

Ao pasear por Pi i Margall ou Camelias, rúas case paralelas que conectan dous nodos centrais coma son a Porta do Sol e a Praza de América, constato a desertización do comercio local. Como contraste, camiñen polas Travesas ou por Teis: un buligar de xentes, autos de reparto, prazas de abastos, cafés de vida veciñal… O Concello de Vigo quer regular o piso turístico. Na Coruña propúxose a declaración de «zona tensionada» pra intervir neste mercado. Ademais do problema do alugueiro ou compra de vivenda, a presión é centrífuga. Esta burbulla turística imitará a burbulla inmobiliaria causa da crise do 2008.

De pícaro pasei moitas tardes no comercio das miñas tías Barca e Lolita, na rúa do Marqués de Valladares: «Encajes Mari Carmen, desde 1951». Gardo lembranzas da clientela, do trato persoal, do suceso de aquí ou de acolá, de consellos de toda tipoloxía, de chismes de casas e portais, de recomendacións pra tal punteado ou cal cenefa, da confianza entre as persoas; fiábanse cartos ou a propia palabra. En fin, unha vida natural entre membros dunha sociedade humana. Pro agora afrontamos non só o risco da rapina multinacional, que trae consumo rápido, deshumanización, precariedade laboral e un encarecemento do produto (non tanto polo prezo senón por mor da calidade ruín, imposición indirecta de modas nocivas impulsadas polo mercado) etc. Chama á porta a Intelixencia Artificial, que acabará por converternos en fichas cun número no canto de seres humanos. E dirán que habitamos un feliz mundo novo.

Xurxo Martínez González
Historiador