CASAACUNHA

Javier Becerra disecciona os prexuízos musicais no seu novo libro

Todos temos ese amigo ou coñecido que sabe moito de música pero que ás veces resulta un pouco pedante e instransixente, desprezando os gustos dos demais. Se non coñecemos a ninguén así, é posible que nós mesmos sexamos esa persoa. Para todos eles, ou para calquera que queira gozar lendo sobre música, o xornalista coruñés Javier Becerra escribiu durante o confinamento La música no es lo más importante, un ensaio ameno, sinxelo de ler e moi ilustrativo sobre toda a toxicidade que existe entre tanto connaisseur musical. Podes adquirilo premendo aquí, e sen gastos de envío utilizando o código MNE_DESCUENTO.

Con todas as cousas boas que ten, Internet tamén é un caldo de cultivo de batallas de todo tipo: deportes, política, cine, conflictos varios… A música, por suposto, non escapa desta práctica: “Polo contexto no que me movo eu estiven moitísimas veces neste tipo de discusións. En internet hai quen utiliza demasiada agresividade falando de música, é algo totalmente absurdo”, explica o autor. A pesar de dar o paso durante a pandemia, utilizando a polémica en torno ao ‘Resistiré’ do Dúo Dinámico como catalizador, Becerra levaba xa unha década dándolle forma a todas estas reflexións e pensamentos na súa cabeza: “Creo que é positivo apartarse e mesmo ridiculizar todo isto. Estas prácticas con 15 anos teñen un pase, pero máis adiante non teñen nin pes nin cabeza”, apunta o xornalista.

La música no es lo más importante é un ensaio musical de marcado carácter autobiográfico, onde Becerra conta numerosas anécdotas, tanto pasadas como presentes, onde os concertos, discos, grupos e melodías son os protagonistas. No fondo, é un alegato a favor da liberdade musical e en contra do esnobismo, remarcando a importancia que debe ter a arte para unir ás persoas e non para levantar muros entre elas. “Na miña adolescencia a música foi unha maneira de integrarme e aportoume un montón de cousas positivas, que sen elas hoxe non estaría aquí. Pero tamén existen moitos comportamentos moi propios deses anos, como desprezar o gusto dos demais ou sentirte máis especial, que se convirten en delirantes cando os segues a facer con 40 anos”, sentencia.

Banner A Movidiña

Becerra non dubida en sinalar que actualmente o máis importante da súa vida xa non son as cancións, senón a súa familia. Grazas á paternidade atópase escoitando música á que antes nunca lle prestaría atención, mesmo xa leva uns anos redescubrindo e escoitando doutra maneira a un grupo tan coñecido como os Beatles: “Xusto onte merquei unha camiseta de Abbey Road, que é algo que un fan adiantado destes nunca levaría porque é unha cousa super obvia, de popeiro domingueiro. Hai anos que decidín apartarme diso que se chama criterio para desfrutar máis da música. Esa considerada boa música segue aí, pero tamén podes gozar da que antes considerabas mala”, explica o escritor.

Este terceiro libro (xa está a preparar un cuarto sobre o disco Atlántico de Xoel López, que cumpre unha década o ano que vén) está a recibir unha cálida acollida entre os melómanos que, cos seus defectos e manías, procuran ser o máis abertos e desprexuizados posibles. Mais tamén hai quen non se toma estas reflexións con moita filosofía: “Vin pola rede xente ofendida, porque a música forma parte da identidade persoal de cada un, sobre todo cando tocas mitos”, sinala Becerra, que tamén compara nas páxinas do libro o prestixio e a seriedade da música dramática (por exemplo Joy Division) enfrentado á banalidade do alegre, sometendo á felicidade a un contínuo escrutinio.

Outra das reflexións xira en torno ao absurdo da disxunción dos gustos, representada neste exemplo: “Ti non podes ser fan dos Smiths e de Camela. Tes que elixir un ou outro, porque non son compatibles. Como o bo gusto son os Smiths, non podes escoitar a Camela, agás que o fagas de maneira irónica ou condescendiente”, explica Becerra, que como xornalista, picadiscos e camareiro tivo que enfrentarse moitas veces a este tipo de debates case morais sobre o suposto bo gusto musical. É de agradecer que existan melómanos co valor suficiente para abrirse en canal, admitir os seus defectos e expoñelos de maneira tan clara nas páxinas dun libro. Así o fixo Javier Becerra, e iso si que é ben importante.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.