REVISTA OUTUBRO

‘Trinta Lumes’, o misterioso retrato do Courel de Diana Toucedo

Desde o venres pasado podemos acudir aos Multicines Norte para ver Trinta Lumes, a primeira longametraxe da redondelana Diana Toucedo. Un filme que mestura dunha maneira orgánica o documental e a ficción, o sobrenatural co cotián. 

Lara Vilanova, Diana Toucedo e Ricard Marcet durante a rodaxe | Elamedia

Son pouco más das oito da tarde dun luns de febreiro e a sala 5 dos Multicines Norte está case completa. E non é para ver algún dos filmes nominados aos Oscar ou a flamante gañadora dos últimos Goya, senón para visualizar Trinta Lumes, a primeira longametraxe da directora redondelana Diana Toucedo. Unha mostra de que o cine galego si interesa e que ten aínda moito por dicir.

A través deste documental con pinceladas de ficción, ou ao revés, Trinta Lumes toca temas tan universais como a vida e a morte desde unha óptica distinta. Unha óptica propia, da terra. A fronteira entre o real e o ficcionado, entre o tanxible e o etéreo é cada vez máis difusa, ao igual que a néboa que baña os montes do Courel.

O filme explora o amplo abanico vital do rural galego: desde a inocencia da infancia ata a quietude da vellez, pasando pola curiosidade da mocidade e pola monotonía da idade adulta. Un retrato social profundo e honesto, sen grandes artificios, que ten como telón de fondo o abandono do rural. Un exilio que vén sucedendo dende hai varias décadas e que na actualidade é xa unha pandemia extendida por toda a xeografía galega.

A beleza de moitos dos planos do filme, obra de Lara Vilanova, contrasta coa crueza doutros, como por exemplo o despezamento dun xabaril ou a desaparición de Alba, cargada de misterio e angustia. Seguindo coa fotografía, visualmente atopámonos cunha película impecable, con verdadeiras postais do Courel e de quen o habita. O traballo no son tampouco se queda atrás, conseguindo absorbernos nesa atmosfera tan mística.

Ao igual que Trote de Xacio Baño (con 15 nominacións nos Mestre Mateo), Trinta Lumes otórgalle un gran protagonismo ao rural galego e aos seus inquilinos, tanto humanos como animais. As tradicións e a paisaxe, moitas veces bañada na melancolía do abandono e da soidade, son elementos básicos neste novo cinema autóctono que está a medrar con forza nos últimos anos.

Non en balde, o filme foi galardoado en diferentes festivais como o Primavera do Cine, Novos Cinemas, Cinespaña (Tolouse), D’A (Barcelona) ou o REC (Tarragona) e proxectado noutros moitos paises como Arxentina, Francia, Portugal, Ecuador, Brasil, Bosnia e Herzegovina ou Georgia.

Trinta Lumes estará, como mínimo, ata o xoves 21 nos Multicines Norte na sesión das 20:10. Ademais, do venres 15 ao domingo 17 haberá pases con presentación de distintos expertos: o 15 ás 19:20 estará a filósofa Mercedes expósito, o 16 ás 20:00 a directora Xisela Franco e o 17 ás 20:00 a poeta María Lado e actriz Iria Pinheiro.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.