VEGANA

Xa en salas ‘Trote’, a primeira longa do director Xacio Baño

O director galego Xacio Baño estreou a semana pasada en salas Trote, a súa primeira longametraxe. Un drama familiar, forte e sutil á vez, situado na famosa celebración da rapa das bestas. O filme está protagonizado pola viguesa María Vázquez.

Os cabalos posúen esa característica elegancia e beleza que en absoluto está reñida co seu poderío físico e salvaxe. Algo similar é o que sucede con Trote, un filme rodado con agarimo no encadre e tensión no seu discurso. O propio Xacio recoñece que é “unha película sensorial, de texturas, contrastes e sons”. Tamén reforza o símil co cabalo engadindo que é ruda, áspera, non se deixa acariciar”. Así, esta dualidade podémola observar na maneira que ten de filmar as diferentes escenas. Dos planos fixos nas conversacións familiares ao continuo movemento da rapa.

Ambientada no interior da Galicia rural durante a semana previa á rapa das bestas, Carme (María Vázquez) recibe a visita do seu irmán Luis (Diego Anido). A súa relación é distante e violenta, cunhas miradas e uns silencios que se poden palpar. Trote céntrase especialmente non que non se ve, no que non se conta. Que o espectador en ocasións non saiba o que está a acontecer é parte do plan.

A viguesa María Vázquez realiza unha soberbia interpretación na pel de Carme, unha muller de mediana idade atrapada no rural que ansía liberdade. As situacións que lle toca vivir nos últimos días fan dela unha persoa taciturna, á defensiva, como se dun animal salvaxe acorralado se tratase.

O lucense Xacio Baño consegue así estrear en salas a súa primeira longametraxe, que xa percorreu festivais de prestixio como os de Locarno ou San Sebastián. Ata o de agora a súa filmografía mesturou curtametraxes de ficción e documental, sendo o seu último traballo Eco (2015), que puidemos ver no Festival Play-doc de Tui. Trote está a recibir en xeral boas críticas por parte da prensa especializada, recoñecendo a boa labor na dirección do realizador lucense. En Vigo podemos ver este filme nos Multicines Norte, a única sala independente da cidade que segue a apostar polo cinema galego.

REVISTA OUTUBRO
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.