Tom Warmsley (Temples): “O público de aquí é moi receptivo”
O Ciclo Delicatessen do festival 17º Ribeira Sacra trae á sala Rouge unha das bandas británicas máis interesantes dos últimos anos: Temples. A súa mestura do rock e da psicodelia de marcados aires sesenteiros fixo que nesta última década gañasen adeptos por todo o mundo, entre os que se inclúen Noel Gallagher, de Oasis. Falamos con Tom Warmsley, baixista e cofundador da banda xunto con James Bagshaw, que nos avisa desde un hotel de Oxford que o seu móbil está a quedar sen batería. Por sorte para nós, deunos tempo para falar duns cantos temas. Podes mercar aquí as túas entradas.
Empezaches en 2012 xunto con James [Bagshaw, cantante e guitarrista] subindo as vosas cancións autoproducidas a Youtube. Que opinas desta nova forma de compartir a vosa música a través de internet?
Nós só queriamos compartir a nosa música, e esa parecianos a forma máis lóxica de conseguir que a xente escoitase as nosas cancións. Esa é a razón.
Que diferenzas atopas entre gravar na casa e gravar nun estudio profesional?
Gravar na casa é máis asequible e non estás limitado polo tempo o pola presión dun produtor ou dun xefe. Daquela era o paso máis lóxico xa que non tiñamos cartos e queriamos gravar as cancións o antes posible.
Hai uns anos comentabas nunha entrevista que preferías gravar na casa que tocar en directo. Segues a opinar o mesmo?
Non, gozamos de ambas cousas, cada unha dunha forma distinta. Atopo un gozo diferente ao tocar en directo que ao gravar. É máis impulsivo e creativo e estimula partes distintas do meu cerebro.
O de Vigo será o voso segundo concerto en Galicia. Que lembranzas tes da vosa actuación no Festival Noroeste na Coruña en 2018?
Xa hai tempo que non tocamos aí, pero lémbrome dun gran festival cun público moi involucrado. Foi un pracer tocar alí. En xeral, o público español é moi receptivo. Tiñamos moitas ganas de volver e de tocar en salas, pero tamén de poder facer algún festival no verán.
Que importancia teñen The Beatles na música da túa infancia e da túa carreira?
Creo que son importantes para calquera que aprecia a música dos sesenta e dos setenta a maneira que tiñan de escribir cancións. Son unha gran influencia pero hai outras moitas bandas daquela época que nos influíron.
No voso último traballo, Hot Motion, deixastes de lado os sintetizadores para experimentar coas guitarras. A que se debe isto?
Había moitos sintetizadores en Volcano [o seu anterior disco], e neste caso quixemos facer un tratamento distinto, sen tantos teclados, cordas e capas. É un achegamento distinto, un son máis de banda.
Algunhas das vosas cancións, como Mesmerize, Hot Motion ou Holy Horses, falan de temas como o espazo tempo. Sentídesvos influenciados polos libros ou películas de ciencia ficción?
Non falarían dun en particular, pero si que nos influencian temas do espazo, da vida noutros planetas, do pasado, do antigo Exipto, mitoloxía… Holy Horses fala dos destellos do sol, por exemplo. Así que si, estamos influídos polo espazo e o tempo e pola ciencia ficción nun sentido abstracto. A Era Espacial é un tema especialmente interesante para nós.
Sodes coñecidos polo tratamento dos ambientes, da reverb e dos ecos na vosa música. Que importancia dádeslle á produción no proceso creativo?
Moita. O son das guitarras ou das baterías poden cambiar calquera canción ou calquera melodía.
Por último, en que estudio clásico, como poden ser Abbey Road ou Olympic Studios, vos gustaría ter gravado?
Calquera deses dous sería xenial, pero hai outros moitos que aínda non visitamos e nos gustaría.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024