Todo o que podes facer en Vigo esta ponte
De xoves a domingo moitas serán as actividades que poderedes facer esta ponte en Vigo. Tanto se che encanta o Nadal como se non, tes unha morea de cousas que facer estes días!
Moita xente aproveita esta ponte da Constitución para marchar uns días de viaxe, pero tamén os hai que deciden quedarse e aproveitar o tempo de ocio na propia cidade. Un ocio, que por certo, ten unha gran oferta para estes días.
Comezando polo omnipresente Nadal, a iluminación e demais elementos decorativos seguirán nas rúas para o goce tanto dos locais como dos foráneos. A árbore realizará o seu particular espectáculo acústico-visual tres veces ao día (19:00, 20:00 e 21:00), o mesmo que o bus turístico, que fará tres percorridos distintos para que poidamos apreciar toda a cidade vestida de gala. Para ver as luces e coñecer máis a fondo a cidade, pero a pé, temos os free tours de Vigo para Vigueses, dispoñibles durante a fin de semana.
Por se aínda queres máis, podes visitar o Belén veneciano da Casa das Artes, de 100 metros cadrados, e o Poboado de Nadal na Casa Galega da Cultura, ambos de balde. Continuando cos planes familiares, Papá Noel estará na súa caseta na Rúa Príncipe agardando a todos os nenos e nenas que queiran compartir con el os seus desexos para este Nadal.
Aqueles que queiran pór a proba a súa destreza sobre os patíns xa poden ir practicar as pistas de xeo do Náutico e de Samil. Ademais, como novidade, ao carón desta última hai montada unha pista de karts para aqueles que prefiren pórse sobre catro rodas.
Toda a información sobre estes eventos natalicios a podes consultar no noso especial de Nadal.
Deixando á marxe as luces e agasallos, na Praza do Rei haberá unha carpa chea de actividades e xogos para crianzas baixo o nome de ‘Gatiños, ghatiñas, gatíos. Xeitos de falarmos galego’, onde haberá 12 espazos que, ademais de á aprendizaxe, convidan á experimentación e á diversión.
A cantiade de concertos esta fin de semana será, como é habitual nestes lares, tremenda: High Pawn con Elephants Yard o xoves no Contrabajo; The Baboon Show na Master, Maldito Murphy na Radar, Mad Martin Trío na Fábrica, Brothers Till We Die na Transylvania ou Ale González na Casa de Arriba o venres; por último, o sábado, estarán Sabela King & The Heartbreakers na Pecera, Tulip e Ambre na Fábrica, Desertores no Contrabajo, Los Nitxos na Kominsky e David Sinespinas na Casa de Arriba.
Que es máis de teatro? Xosé Touriñán e Carlos Blanco volven co seu ‘Somos Criminais’ cunha triple función no Teatro García Barbón. A obra ‘Mambo’ estará na Sala Ártika tanto o xoves como o venres, e no Teatro Ensalle temos ‘Deixa de tocala, Sam’, con triple función venres, sábado e domingo.
Se queres coñecer todo o que se move esta ponte en Vigo, consulta a nosa axenda!