REVISTA NADAL

Tina Estarli, acróbata do Cirque du Soleil: “O importante non é que unha persoa destaque, senón que destaque o show”

A finais de abril e comezos de maio a cidade de A Coruña acolle ata 15 actuacións de Corteo, unha orixinal proposta do Cirque du Soleil pensada para pavillóns onde o escenario se situa no centro do recinto. Unha das acróbatas que estará presente neste espectáculo é a arxentina Agustina Estarli, coa que falamos para coñecer como é traballar na compañía circense máis importante do mundo. Podes mercar aquí as túas entradas.

Foto: Maja Prgomet

Corteoa produción en pavillóns máis encantadora de Cirque du Soleil volve a Europa e visitará España para deleitar ao público. Esta produción única, dirixida por Daniele Finzi Pasca, estreouse por primeira vez en Montreal baixo a Gran Carpa en abril de 2005. Desde entón, o espectáculo sorprendeu a máis de 10 millóns de persoas, en 22 países distintos de 4 continentes. Corteo visitará por primeira vez A Coruña entre o 24 de abril e o 4 de maio.

Corteo debuta no Coliseum coruñés, do mesmo xeito que é tamén a primeira vez que Agustina Estarli viaxa por Europa, polo que esta xira tamén lle está a servir para coñecer o vello continente: “Para min todo está a ser moi lindo e novidoso. Os lugares que máis me gustaron polo momento foron Praga, Burdeos, Ljubljana e París”, afirma.

Agustina Estarli | Aldo Arguello

Tina comezou moi nova no mundo da ximnasia artística, tendo a súa primeira competición nacional con tan só catro anos. Isto débeuse, en parte, a que os seus adestradores eran seus pais. Aos nove xa competía a nivel internacional e na adolescencia participou nos Xogos Olímpicos xuvenís en Singapur e nos Xogos Panamericanos en Guadalajara, México.

Malia contar cun currículo tan prometedor, Tina decidiu deixar de lado a ximnasia durante unha década para centrarse nos estudos e no traballo. A pandemia da Covid-19 propiciou que volvese a adestrar no ximnasio só por diversión, pero acabou recuperando o nivel e volvendo á selección nacional de ximnasia artística no 2021. Cando xa tiña toda a axenda de competicións organizada, recibe un email do Cirque du Soleil para citala nun adestramento de tres meses en Montreal: “O circo, e especialmente o Cirque du Soleil, é un dos meus soños desde que era cativa. Cando xurdiu esta posibilidade non o dubidei”, lembra Tina, que recoñece que cando a contactaron chegou a desconfiar do boa que parecía a oferta.

Tina deixou a incredulidade de lado e participou nas probas de cásting, que foi superando con profesionalidade e traballo duro. Tras participar en dous espectáculos coa compañía candiense, desde 2023 traballa en Corteo, o show que chega a Coruña en abril, exercendo de flyer, isto é, de acróbata nas alturas.

Preguntada polas diferenzas entre o mundo da competición e do espectáculo, o primeiro que destaca é a seguridade laboral: “Na selección nacional recibes unha bolsa que che dá para vivir co xusto, mentres que no Soleil facilítanche todos os trámites, visados, voos, estadías… e mesmo che pagan por adestrar”, explica. Outra das diferenzas é que “a ximansia artística adoita ser un traballo solitario e moi competitivo, no que realizas un traballo para lograr unha boa puntuación, mentres que no espectáculo brindas un show colectivo ao público e buscas transmitirlles algunha emoción”, resume. Por ofrecer datos: en Corteo traballan 53 artistas sobre o escenario: “O importante non é que unha persoa destaque, senón que destaque o show”, conclúe.

Corteo, que significa cortexo en italiano, é unha procesión alegre, un desfile festivo imaxinado por un pallaso. O espectáculo reúne a paixón do actor coa graza e o poder do acróbata para mergullar ao público nun mundo teatral de diversión, comedia e espontaneidade situado nun espazo misterioso entre o ceo e a terra.

O pallaso imaxina o seu propio funeral o cal leva a cabo nun ambiente de entroido, vixiado por silenciosos anxos da garda. Xustapoñendo o grande co pequeno, o ridículo co tráxico e a maxia da perfección co encanto da imperfección, o espectáculo resalta a forza e a fraxilidade do pallaso, así como a súa sabedoría e amabilidade, para ilustrar a porción de humanidade que hai dentro de cada un de nós. A música vólvese lírica e rebuldeira levando a Corteo a través dunha celebración atemporal na que a ilusión se burla da realidade.

Por primeira vez no Cirque du Soleil, o escenario atópase no centro do pavillón e divide o lugar, con cada metade do público fronte á outra metade, o que brinda unha perspectiva única non só do espectáculo, senón tamén da vista dos espectadores por parte do artista. Unha atmosfera como nunca se viu nos espectáculos de pavillóns de Cirque du Soleil. O conxunto de cortinas, inspirado na Torre Eiffel, e as cortinas centrais, que foron pintadas a man, dan unha sensación grandiosa ao escenario.

Foto: Aldo Arguello
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.