CAMELIAS MASCOTAS

‘This Is Pop’ trae a Warhol, Obey, Lichtenstein e Hirst a Afundación

A través dun percorrido multidisciplinar pola produción da cultura pop poderanse ver pezas e obxectos presentes en obras emblemáticas deste movemento asinadas por Warhol, Lichtenstein, Damien Hirst, Murakami, Jeff Koons ou Okuda, entre outros. Poderá visitarse ata o vindeiro 27 de novembro na baixo da sede de Afundación.

Afundación presenta desde o xoves 30 na súa sede de Vigo a mostra This is pop. Das latas de Andy Warhol ás túas, unha proposta enmarcada no programa Cultura por alimentos, que a entidade acaba de poñer en marcha e que anima a que as persoas visitantes e usuarias de actividades de Afundación contribúan con alimentos non perecedoiros depositados nos colectores habilitados para seren doados aos bancos de alimentos.

REVISTA NOVEMBRO

This is pop recompila 63 producións de 29 artistas que abordan a arte pop desde as súas orixes nos anos cincuenta ata os nosos días: Andy Warhol, Roy Lichtenstein, Robert Rauschenberg, Eduardo Paolozzi, Richard Hamilton, Peter Blake, Yayoi Kusama, Equipo Crónica, Equipo Realidad, Eduardo Arroyo, Rafael Canogar, Damien Hirst, Takashi Murakami, Jeff Koons, Yoshitomo Nara, Julian Opie, Mr., Shepard Fairey (Obey), Kaws, D*Face, Boamistura e Okuda, entre outros.

A arte pop foi un movemento xurdido a finais da década de 1950 en Reino Unido e Estados Unidos como reacción artística ante o expresionismo abstracto e que se caracterizou polo emprego de imaxes e temas tomados da sociedade de consumo e da comunicación de masas aplicados á arte. Utilizaban imaxes coñecidas cun sentidodiferente para acadar unha postura crítica da sociedade de consumo. O neo-pop, pola súa parte, é unha corrente artística vivo exemplo da posmodernidade do século XX, onde ironía, repetición, apropiación, deconstrución e distintas linguaxes ou referencias xeran unha arte a veces kitsch e de matices mixtos. Non hai homoxeneidade, igualmente se utilizan como fonte de inspiración as imaxes da cultura popular ca os medios de comunicación de masas. Todos os artistas neo-pop teñen en común o feito de utilizar a iconografía dos cómics, dos debuxos animados, dos anuncios publicitarios ou incluso a da obra doutros artistas pop xa consagrados. Igualmente, se algo caracteriza a arte urbana do século XXI arredor do mundo é a súa heteroxeneidade.

As intencións dos seus autores son moi diversas e variadas, non todos manexan a linguaxe da subversión e a ironía, non todos tratan de incitar no público reflexións sociais nin políticas, pero si buscan chamar a atención, sorprender ao ocuparen un espazo público non concibido inicialmente para albergar obras deste tipo, ao converteren a rúa nun museo ao aire libre. O que une todos estes movementos é un sistema referencial e subxectivo. Tratase duns estilos que regresan á realidade cotiá da vida diaria, unha cultura popular con protagonismo da televisión, as revistas ou os cómics.