The Wild volve en setembro como a última gran festa do verán en Vigo
O festival acaba de anunciar as datas da súa sétima edición, que se celebrará do 5 ao 7 de setembro no Parque Forestal de San Miguel de Oia. Unha fin de semana de música, cine e actividades ao aire libre para desconectar da rutina e conectar coa natureza.

O festival multidisciplinar The Wild volve do 5 ao 7 de setembro para afianzarse como unha das últimas festas do verán. Como en edicións anteriores o festival programará concertos de bandas galegas e nacionais, proxeccións de cine e actividades infantís, ademais de zona gastro, mercado e propostas para coñecer a contorna.
O Parque Forestal de San Miguel de Oia, no que ten lugar o certame, é un dos grandes protagonistas do evento. Unha zona arbolada, a poucos minutos do centro da cidade e das praias, que recibe aos visitantes cunhas impoñentes vistas da ría e as Illas Cíes. Cada ano, o público ten a posibilidade de coñecer a zona a través dunha andaina guiada pola Comunidade de montes e unha ximcana de orientación, así como de quedar a durmir nesta paraxe natural.

Desde a súa primeira edición en 2019 The Wild ten o obxectivo de poñer en valor o patrimonio natural e concienciar sobre a importancia do coidado dos nosos montes. É por isto que todas as actividades que programadas están alineadas con esta filosofía. Unha das máis chamativas e únicas é a organización de The Wild Cinema, un festival internacional de cine medioambiental que proxecta ao aire libre curtametraxes que convidan a coñecer e coidar do medio ambiente.

O cartel musical do festival, que se desvelará nas próximas semanas, estará centrado na música rock e folk e as súas vertentes. Nos últimos seis anos subíronse ao escenario de The Wild importantes bandas nacionais nacionais como Ángel Stánich, Arizona Baby, Los Zigarros, Corizonas, Aurora & The Betrayers e Moonshine Wagon; e galegas como Familia Caamagno, Stoned at Pompeii, Aphonic, SÉS, Terbutalina, Moura ou Susana Seivane.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- The Wild volve en setembro como a última gran festa do verán en Vigo - 12 Marzo, 2025
- Depedro, Bewis de la Rosa e Toni Acosta esta fin de semana en Vigo - 6 Marzo, 2025
- Mesturas, recuncho doce ao estilo de Nova York - 28 Febreiro, 2025
- Revista de marzo: As mulleres do pazo - 28 Febreiro, 2025
- O certame Exeria busca relatos orixinais sobre Vigo - 21 Febreiro, 2025