CAMELIAS MASCOTAS

The Wild Fest desvela os horarios e anuncia dúas actividades para desfrutar do bosque de San Miguel de Oia

The Wild Fest, o festival que combina música e cultura coa posta en valor da contorna natural, celébrase entre o venres 8 e o domingo 10 de xullo no Parque Forestal de San Miguel de Oia, un enclave espectacular con vistas ás Illas Cíes. As entradas están dispoñibles na billeteira do festival a prezo rebaixado ata o 1 de xullo.

The Wild Fest aposta un ano máis por unha programación cultural atractiva para poñer en valo o coidado dos nosos espazos naturais, xunto ás comunidades de montes e a cidadanía interesada en frear o deterioro ecolóxico. Por iso, moitas das actividades que desenvolve este certame multidisciplinar están enfocadas a coñecer e desfrutar de xeito activo da natureza. É o caso do ciclo de cinema The Wild Cinema, cuxas proxeccións abrirán un ano máis o programa, a partir do venres ás 18h, cun dobre pase. O terceiro bloque de proxeccións será o sábado ás 15h e o cuarto, o domingo ás 17:30h, coincidindo coa clausura desta cuarta edición.

O venres 8 tamén poderemos desfrutar de música en directo con tres concertos de potentes bandas galegas. A electrónica de Músculo! quentará o ambiente a partir das 21h e deixará paso aos sons hiphop e soul da viguesa Wöyza e The Galician Messengers, a patir das 22:30h. Á 01:30h subirase ao escenario o dúo Boyanka Kostova coa súa mestura de ritmos pegañentos e retranca galega coa que é imposible non bailar e pasalo ben. Para os que teñan ganas de máis, a noite continuará ata as 05:00h con DJ Steven Rod.

A mañá do sábado chega do máis completa cunha cata de viños de Adegas Terrae a partir das 12:00h, concerto de A Roda, ás 13h e pulpeira para repoñer forzas e redondear a experiencia enxebre. Desde a hora de comer e ata ás 16h desenvolveranse tres obradoiros infantís e o espectáculo de Peter Punk e Brais das Hortas.

A tarde do sábado continúa con máis música. A partir das 17:00h gozaremos da banda de versións Wondercovers e ás 19:30 o heavy bluegrass dos vascos Moonshine Wagon soará no merendeiro do Parque Forestal, seguidos do rock soul de Aurora & The Betrayers, ás 21:00h; o potetente indie rock de Corizonas, ás 22:30h e o enérxico directo da banda de metal máis importante de Galicia, Aphonnic, que soará a partir das 24:00h. De novo, a noite será longa grazas a sesión de  DJ Steven Rod que estará picando ata as 05:00h.

O domingo a xornada comeza con dúas actividades de coñecemento e desfrute activo da natureza que espertaron moito interese en pasadas edicións: andaina e orientación. Para participar en calquera das dúas é preciso adquirir unha entrada aparte na billeteira do festival. 

REVISTA NOVEMBRO

Ás 10 da mañá comeza Orientaventura, un divertido xogo de habilidade física e mental na que os participantes, por grupos, deberán atopar todas as pistas e resolver as probas escondidas no parque forestal coa axuda dun mapa. A proposta está organizada por Territorio Comanche, expertos en actividades ao aire libre.

A andaina sae ás 10:30 e percorrerá 6 km pasando por algúns dos lugares máis bonitos e curiosos do Parque Forestal de San Miguel de Oia, como os petroglifos e miradoiros. Como guías teremos a sorte de contar con comuneiros dos montes de San Miguel e será solidaria coa asociación Bicos de Papel, que traballa na mellora da calidade de vida dos nenos con cancro no Álvaro Cunqueiro e as súas familias.

A xornada do domingo, que será de entrada gratuíta para todos, completarase cunha nova sesión vermú a cargo de Blues do País e Sindicato da Verbena, obradoiros de circo, escalada e pintura para todas as idades e dous espectáculos infantís: o concerto de Cé Orquestra Pantasma, a partir das 16:30h e o contacontos a cargo de Miguel Anxo Alonso Diz, O país da chiova, que comezará ás 17:30h.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.