Sete bandas galegas completan o cartel de The Wild Fest
The Wild Fest anuncia o seu cartel musical completo coa incorporación de sete bandas galegas que se suman aos cabezas de cartel xa confirmados, Aurora & The Betrayers, Moonshine Wagon, Aphonnic e Corizonas. O Festival terá lugar no Merendeiro do Parque Forestal de San Miguel de Oia, entre o 8 e o 10 de xullo, e ten á venda as entradas diarias e abono nesta ligazón.
Do 8 ao 10 de xullo o Parque Forestal de Oia acolle a cuarta edición do festival multidisciplinar The Wild Fest, unha cita coa cultura e o entretemento en plena natureza no que haberá proxeccións de cinema medioambiental, faladoiros, zona gastro, mercadiño, actividades deportivas e moita música. O festival acaba de desvelar o cartel completo de actuacións dominado polo son do rock e o folk e con forte presenza de bandas galegas.
Wöyza and the Galician Messegers, que fusionan con orixinalidade o soul e o hip-hop con repertorio tradicional galego; Boyanka Kostova, o dúo de trap con máis retranca, formado por Saibran Yiyi e o Chicho do Funk; e Músculo!, reis da electrónica galega e gañadores dos premios Martín Códax nesta categoría, actuarán na noite do venres.
O vermú do sábado estará amenizado por A Roda, a banda de música tradicional fundada en Teis en 1976 e pola noite será o turno do grupo de versións de coñecidos temas dos 70, 80 e 90, Wondercovers; seguidos pola madrileña Aurora & the Betrayers, o toque bluegrass dos Moonshine Wagon, o indie rock dos Corizonas e a potencia metaleira dos vigueses Aphonnic.
O domingo poderemos desfrutar en sesión vermú do dúo Blues do País acompañado pola banda Sindicato da Verbena, que nos farán bailar coa súa retranqueira mestura de cantigas galegas levadas ao terreo do blues e o R&B.
O ambiente familiar en The Wild Fest é un dos aspectos máis coidados pola organización do festival e nunca faltan as actuacións dirixidas a público infantil. Este ano, os encargados de facer rir á rapazada serán Peter Punk e Brais das Hortas o sábado, un dúo irreverente que combina circo e música con grandes doses de comedia; e Cé Orquestra Pantasma, o domingo, unha orquestra completa interpretada por un só home, César Freiría. Tamén o domingo haberá unha sesión de contacontos con Miguel Anxo Alonso Diz, escritor de literatura infantil que acaba de publicar O país da choiva.
As entradas para o festival xa están dspoñibles nesta ligazón con posibilidade de elixir a entrada por días ou abono completo e de engadir a estancia no cámping, a escasos metros do recinto, por un pequeno suplemento. A entrada será gratuíta na xornada do domingo e para menores de 14 anos durante as tres xornadas.