The Wicca Games, paixón polo escapismo máxico
Despois de percorrer España ao largo e longo de diferentes escape rooms, Sergio Domínguez e Brais González (calculan que fixeron máis de 60 cada un), abriron no verán de 2021 o seu propio negocio para lle dar cabida á paixón que os une: un xogo de escape ben preto do Centro Comercial Vialia, co obxectivo de traer á nosa cidade todo o que aprenderon como xogadores fóra de Galicia.
Sergio Domínguez e Brais González considéranse, antes de nada, xogadores de escape room. Tras xogar a decenas deles por todo o Estado decidiron crear as súas propias probas a escasos metros de Vialia. O punto de vista das súas creacións é máis moderno, onde o uso da tecnoloxía está moi presente tanto en «La cabaña de la bruja» como en «Ladrones del Grimorio», as salas que dispoñen agora mesmo.
A primeira sala que abriron foi «La cabaña de la bruja» e non tardou en recibir unha grande acollida polos usuarios. “Ler as reseñas tan boas que nos deixou a xente, despois do tempo que nos levou preparar a sala, supuxo un subidón de moral”, conta Sergio. A ambientación, moi lograda, sitúanos nunha cabaña en metade do bosque. Os elementos máxicos, sempre cun toque de humor, son os protagonistas, tanto que a intención dos seus creadores é que “os xogadores sintan que están a facer maxia”. Algunhas das probas son aprender a utilizar unha varita máxica ou facer unha apócema nun caldeiro de bruxa. Trátase dunha escape de carácter non lineal na que a imaxinación e a comunicación xogan un papel fundamental: “Son os propios xogadores os que deciden onde centrar os seus esforzos, o que ten un plus de dificultade”.
En febreiro de 2023 abre a súa segunda creación, «Ladrones del Grimorio», onde aproveitaron todo o aprendido coa anterior sala para facer a que consideran a súa “obra mestra”. A maxia é de novo a protagonista, aínda que esta está ambientada nunha universidade. Malia as similitudes, Sergio aclara que non ten nada que ver cos mundos de Harry Potter. A intención é que a experiencia sexa frenética de principio a fin, cunha proba detrás de outra. Outra das particularidades é a existencia de probas que cambian segundo a habilidade dos participantes: “Canto mellor o fagan, máis probas van ter”, resume o xerente.
O obxectivo deste tipo de xogos é divertirse. Por iso as salas están deseñadas para que saír delas, o fin último destas probas, sexa bastante doado. Iso si, a forma na que saes é o que conta: “Saír sae case todo o mundo, pero saír ben só un 4%”, explica Sergio. Este sistema crea diversas capas de dificultade que se adaptan a todo tipo de xogadores, tanto novatos como expertos.
Rúa do Escultor Gregorio Fernández, 2 | wiccaescaperoom.com | 604 05 06 56 | info@twg.es | @thewiccagames
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024