REVISTA ABRIL

Código Oculto, escapismo para toda a familia

Elisabet Bayer e Borja Fernández atoparon unha alternativa laboral nos escape rooms en 2019, pois viñan de traballar como monitores de tempo libre. Tres son as salas de creación propia en Código Oculto das que debemos saír en menos dunha hora.

Tanto Elisabet Bayer como Borja Fernández veñen do mundo dos eventos e do tempo libre, polo que abrir un escape room resultaba unha idea bastante lóxica. Así naceu en 2019 Código Oculto, situado na Estrada Vella de Madrid, preto do Meixoeiro. Actualmente dispoñen de tres salas de creación propia: «El joyero de la abuela», unha proposta de misterio ambientada nunha residencia; «La fábrica de chuches», orientada á fantasía; e «Gulag, la prisión», un cárcere soviético que sufriu de preto a explosión dun reactor nuclear. Este último é o máis recente e, polo tanto, o que mellor está a funcionar a día de hoxe.

REVISTA ABRIL

Os xogos están deseñados para que duren aproximadamente unha hora, aínda que este tempo pode reducirse ou ampliarse segundo as nosas habilidades: “A dificultade é relativa, depende moito do grupo. En todas as probas poder pedir máis ou menos pistas, pero están deseñadas para que non pares de darlle ao coco”, explica Elisabet. Co paso dos anos xa coñecen mellor os gustos da clientela, polo que tratan de crear probas máis orientadas ao seu gusto. Outra condición é que sexa adaptable a todos os públicos, pois queren que acudan “desde o neto ata o avó”. De feito, os escapes funcionan moi ben como agasallo, por iso Código Oculto ofrece a opción de mercar bonos regalo.

Outra alternativa en exteriores son as probas de fuxida polo centro da cidade: «El asesino de la máscara» e «La lanza del destino», un xeito distinto de percorrer as nosas rúas. Ambas probas son unha colaboración coa empresa Escape City Box, ideais tanto para turistas como para nativos, especialmente cando a climatoloxía acompaña.

Estrada Vella de Madrid, 74 | codigooculto.es | 633 45 19 40 | info@codigooculto.es | @codigoocultoescape

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.