COSTEIRASONORA
REVISTA VERAN

The Mirror, o reflexo do traballo duro

Se xa as bandas emerxentes non o teñen nada fácil, imaxina sacar o teu primeiro disco xusto cando unha pandemia está a estragar o mundo. É o caso de The Mirror, un proxecto musical a cabalo entre Vigo e o Val Miñor creado por Tania Rodríguez e Alejandro Vasconcellos en 2018. O seu traballo debut foi lanzado o pasado verán, coas salas pechadas e os concertos reducidos ao mínimo.

Tania, Óscar, Alejandro e Rubén durante a gravación do seu primeiro videoclip | Tamara Castro

Tania e Alejandro curtíronse ao longo dos anos tocando en salas e bares, especialmente versións doutros grupos. The Mirror é unha aposta polos temas propios, un proxecto serio e ambicioso no que pretenden mostrar toda esa experiencia: “Estabamos algo ansiosos por facer algo noso, e atopamos a un grupo de xente que temén estaba cansa das versións e que tiña ganas de facer algo de seu”, comenta Tania, vocalista da agrupación.

Un dos puntos fortes da banda é a dualidade entre os seus dous vocalistas e compositores: Tania vén máis do soul, influenciada por artistas como Janis Joplin ou Amy Winehouse; e Alejandro sinte máis atracción polo rock setenteiro e pola escena alternativa dos anos noventa, con Nirvana e Pearl Jam á cabeza. “Moita xente nos di que as nosas voces casan moi ben. Levamos moito tempo actuando xuntos e nótase esa química, esa complicidade“, apunta Tania, a quen lle gusta que se lles recoñeza por esta particularidade, aínda que tamén supón “un traballo doble”.

Lanzar un disco durante a pandemia é un arma de dobre fío: sendo optimistas, podemos pensar que a xente pasa máis tempo na casa e pode dedicarlle máis horas a escoitar o teu traballo; pola outra banda, a ausencia case total de concertos impiden promocionar o disco e que haxa un retorno económico. “Non o podiamos crer… sacamos o videoclip do primeiro single un par de semanas antes do confinamento e aínda puidemos facer un par de concertos de presentación, pero o problema vén agora”, apunta a vocalista. Varios dos membros viven en Vigo e outros tantos no Val Miñor, polo que levan máis de mes e medio sen poden ensaiar e, bastante máis, sen poder tocar en directo.

A pesar de todos estes problemas, non se dan por vencido. Non deixan de compoñer, están a preparar un novo videoclip e tamén teñen en mente gravar un directo en Radar Estudios. O seu disco, de título homónimo, soa moi compacto e potente, algo aínda máis meritorio tendo en conta que se trata dunha banda emerxente e que tanto Tania como Alejandro nunca antes gravaran nun estudio profesional. “Estivemos moi enriba do proceso para que soase como nós queriamos”, mesmo a través de videochamadas e whatsapps durante o confinamento.

Tania non parece moi convencida de que este vaia ser un bo ano a nivel musical, pero non perde a esperanza. Da mesma forma que o seu tema “Brand New Sunset” fala da superación persoal, personificado en Desirée Vila no videoclip, ela loita contra a invisibilización das bandas novas e a falta de apoio ao sector, como poder ser o peche de Vigosónico. Lugar onde, por certo, teñen ensaiado e mesmo fixeron o seu primeiro concerto como banda na nosa cidade. O funk rock vitalista de The Mirror ben merece a nosa atención.

SONRIAS
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.