REVISTA ABRIL

Talento na diáspora

Volver á casa por Nadal. Hai xa bastantes anos que, a través da publicidade, unha marca de turrón fixo famoso aquel lema que tanto triunfou —ata se converteu en panxoliña da man de Pablo Novoa para o Xabarín Club!—, reflectindo unha realidade que se vive en boa parte dos fogares. O Nadal é o paradigma das datas marcadas en cor vermella, a data ideal para que aqueles que adoitan estar lonxe, poidan volver para poder entoar aquel verso das Follas novas de Rosalía: «Miña casiña, meu lar». Pero non sempre é posible. Por ambición profesional, por busca de oportunidades ou mesmo por necesidade, son moitos os motivos que, ás veces, nos levan a estar lonxe. Aí o que nos sae da gorxa podería ser algún verso de Siniestro Total, desde o clásico «Miña terra galega» do álbum Menos mal que nos queda Portugal ata o máis moderno «Quen me dera na casiña» de Country & Western. E é que o sector da cultura decote ten moitos vencellos coa diáspora. Dunha volta ao caletre, podemos traer varios nomes vigueses: Pedro Alonso, María Castro, Pedro Feijoo, Gonzo, Miguel Lago, Marta Larralde, Domingo Villar… todos eles traballan e triunfan desde fóra. Pero hai moitos outros facendo camiño. Falamos con algúns dos nosos veciños na diáspora que, polo que for, non volven á casa por Nadal.

Vanesa Álvarez, artista plástica, e Marcos de la Fuente, poeta

Diante dunha obra de Brolga en Nova York.

Vanesa Álvarez e Marcos de la Fuente forman unha parellas artística ben coñecidas na cidade, noutrora rexentando a sala La Fiesta de los Maniquíes e agora dándolle vida ao festival Kerouac. Desde marzo, están instalados en a Nova York, unha decisión que foi collendo corpo con cada unha das visitas que facían aló. […] Vanesa, que en 2016 e 2018 deixou a súa pegada na Casa Galicia de Nova York con senllos murais dedicados a Rosalía de Castro e a Castelao. Agora ten unha residencia artística na Bushwick Public Library e traballa creando murais con mozos do Bronx. Pola súa banda, Marcos colabora con varios produtores e músicos de Brooklyn, e organiza en Manhattan dous eventos mensuais de poesía bilingüe en español e inglés: Se buscan poetas e This is poesía. […] «A gran diferenza é o profesionalismo e o respecto para a creación artística: hai orzamentos para contratar e non se entende a vida sen arte, o que fai que poidas gañar a vida dignamente como artista», sentencian.

Celia Freijeiro, actriz

Celia Freijeiro. | Franck Mura

Celia Freijeiro puxo rumbo a Irlanda ela soa cando tiña 15 anos. Desde aquel momento soubo que aí fóra había outros mundos que quería coñecer e, no curso posterior ao daquela escapada, marchou para os Estados Unidos. Xa graduada en Arkansas, arrancou para Madrid coa idea de formarse como actriz. Na capital española quedou a vivir e traballar ata o día de hoxe, pero asegura que cada vez bota máis en falta isto: «Preciso a miña terra. […] ». A carreira desta actriz continúa a medrar cun papel principal na serie de Leticia Dolera para Movistar+, Vida perfecta, e opina que se deberían tender pontes entre Madrid e o resto do Estado: «Creo que ás provincias só chegan as propostas máis comerciais e pérdese unha parte importantísima da creación; proxectos con menos recursos e caras non tan coñecidas, pero que son apostas arriscadas, auténticas e honestas. […] ». Celia foxe de convencionalismos vindo a Vigo antes e despois do Nadal, pero non durante, cando prefire viaxar a outros lugares. A Noitevella vaina pasar entre amigas, nun ritual que inventaron, onde non vai faltar o champaña «para agradecer e festexar».

Dámaris Ruiz, bailarina

Dámaris Ruiz. | Pablo Rodrigo

Dámaris Ruiz loita desde Madrid por labrar un camiño de seu no vasto mundo da danza. Marchou hai seis anos, decidida a medrar. Malia os malos agoiros dunha súa profesora que en Vigo lle dicía que nunca se daría dedicado a isto, ao pouco de chegar á capital do Estado, Dámaris conseguiu unha bolsa de estudos para a academia de baile Madrid Dance Center, pero o mellor aínda estaba por chegar: «Ao medio ano da mudanza, souben que estaban a buscar xente para o musical El rey león, e un amigo animoume a que me presentase. Eu quería saber como eran as audicións e alá fun. De alí a un par de meses recibo unha chamada na que me comunican que fun seleccionada. Tiven moi boa sorte, porque xa se me acababan os cartos», explica esta moza. Un lustro despois de aquilo, Dámaris empeza a soñar con probar sorte no estranxeiro […] porque asegura que alí as persoas de raza negra ten máis posibilidades que en España, onde «só hai unha bailarina negra, e é medio branca», ri. Asegura que en Galicia hai xente con moito talento, pero hai un déficit en formación clásica. Nun futuro ao lonxe, non descarta volver aquí como profesora de baile, pero asegura que aínda lle queda moito que aprender.

Yago Vázquez, pianista de jazz

REVISTA ABRIL
Tocando en Smalls Jazz Club de Nova York.

Yago Vázquez sempre soñou con marchar a Nova York, polo que fixo as probas para entrar na School of Jazz and Contemporary Music e foi seleccionado. En xaneiro de 2008 comezou o curso na Gran Mazá. Por alí lle empezou a xurdir o traballo e xa se instalou de vez: «Nova York non se pode comparar con ningunha outra cidade do mundo no tocante á cantidade de músicos e de estilos dentro do jazz […] », explica o músico. Polo de agora, non valora regresar á cidade da oliva. Pensa que a actitude de afrontar a musica é  diferente entrambas as dúas cidades. […] O pianista adora a diversidade cultural da cidade neoiorquina, pero admite botar en falta a tranquilidade da súa cidade natal, poder moverse a pé e, desde logo, a familia e os amigos. O traballo impídelle estar con eles por estas datas, pero ha volver no verán, coma sempre.

Por Tamara Novoa

[Podes ler a reportaxe íntegra na revista A movida de decembro. Faite con ela de formar gratuíta nos nosos puntos de distribución ou comeza a recibila na túa casa facéndote #AMOVIDALOVER]

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.