VIALIA
PLAYDOC

Stoned At Pompeii sacarán toda a artillería no The Wild Fest

Un dos atractivos dos festivais tamén é ver ás bandas locais tocar en recintos máis grandes do habitual. Este sábado 4 de setembro, concretamente, poderemos facelo no The Wild Fest, onde o grupo de rock Stoned at Pompeii pechará unha noite de moitos decibelios. Falamos con Adolfo FH, líder da formación viguesa. Aquí podes conseguir as entradas.

Adolfo FH no concerto de fin de xira na Sala Rebullón | David Figueroa

Coa paternidade recén estreada, Adolfo FH móstrase optimista co concerto deste sábado no The Wild Fest e con poder recuperar a dinámica positiva que tiñan desde hai anos, ata que chegou a pandemia. Este directo vai ser o primeiro que fagan en eléctrico desde o fin da xira Ancroidal o pasado mes de decembro na Sala Rebullón. Ou, polo menos, con público diante, xa que o músico lémbranos o directo que gravaron na Sala Masterclub dentro do ciclo Directos Xacobeo’21.

Moi lonxe queda xa o 28 de marzo de 2020, cando meteron a máis de 300 persoas na Sala Caracol de Madrid, xusto ao límite do confinamento. Mais, como mencionamos arriba, este ano e medio non o pasaron de brazos cruzados: peche de xira, varios concertos en acústico, un EP tamén neste formato, preparación dun novo álbum e lanzamento dun novo single, a verisón de ‘Like a Virgin’ de Madonna: “Buscabamos unha canción que non fose do noso estilo, e xa a tiñamos en mente desde hai tempo polo comezo do filme Reservoir Dogs de Tarantino”, comenta Adolfo, que nos sinala que non se trata dunha simple adaptación ao seu son, pois cambiaron acordes, tonalidade, arranxos e mesmo filmaron un ambicioso videoclip no Mosteiro de Carboeiro, en Silleda. “Se lle quitas a letra podería ser un tema noso perfectamente”, resume o artista.

Falando de videoclips, o mes pasado compartían nas súas redes imaxes do seu primeiro vídeo, gravado hai catro anos no IFEVI, no lugar exacto onde agora se está a vacinar a toda a cidadanía de Vigo e arredores. “Foi curioso, pois xusto onde poñen as vacinas é onde montamos todos os instrumentos. Nin en 1000 anos nos imaxinariamos a primeira vez que entramos alí todo o que acontecería despois coa pandemia”, rememora.

REVISTA ABRIL

A banda, que xa leva máis dunha década tocando, caracterízase polos seus potentes directos e pola súa versatilidade, pois o seu abanico de estilos é ben amplo: “Stoned At Pompeii é esa banda na que podemos plasmar todas as nosas inquedanzas, non hai limitacións nin en estudio nin en directo. Considerámonos unha banda de rock and roll, no sentido amplo da palabra, desde o máis duro ata temas máis melódicos con piano ou arranxos orquestrais”, sinala o cantante e guitarrista. Os seus acústicos son unha boa mostra disto, pois danlle unha nova faciana aos seus temas, creando novas pezas nalgúns casos case irrecoñecibles.

Co seu primeiro e ata o momento único álbum, Ancroidal (2017), xiraron por toda a península e mesmo fóra dela. Distribuído por Warner Music Spain e lanzado grazas a unha exitosa campaña de micromecenado, presentárono tamén en Francia e Inglaterra, país no que chegaron  a colocar o seu single ‘Heels are made to be broken’ en terceira posición no MySpace. Non era estraño ver o cartel de Non queda entradas colgado na porta, especialmente na súa propia cidade, onde teñen unha lexión de fieis seguidores: “Temos moita sorte, pero tamén creo que a xente nota o coidado que lle poñemos á banda. Volcámonos na preparación e na promoción de cada data, non é un concerto máis”, opina o músico.

Despois deste semi parón obrigado, o cuarteto ten ganas de gravar o novo material e compartilo coa súa xente: “Non vai seguir a liña do primeiro álbum, pero si vai ter a esencia da banda. Gústanos experimentar e cambiar. Non imos facer reggaeton, iso o temos claro, pero si exploraremos novas vías. Penso que será un disco cunha madurez compositiva maior, no que se notará a experiencia de todos estes anos de xira xuntos” indica Adolfo, quen pensa que saíndo da zona de confort é cando saen as cousas máis interesantes. De momento poderemos velos actuar este sábado pola noite no The Wild Fest xunto con Thee Blind Crows, Familia Caamagno e Los Zigarros, na que promete ser unha noite apaixoante de rock e boa música.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.