VIALIA
PLAYDOC

‘Síbaris’, o último agasallo de Domingo Villar

Antes de marchar, Domingo Villar, estaba traballando na posta en escena da súa primeira peza teatral ‘Síbaris’. Unha obra que podemos ver esta fin de semana en pase dobre no Teatro Afundación, interpretada por Carlos Blanco, Belén Constenla, Oswaldo Digón e Pablo Novoa.

REVISTA MAIO

“Que a xente o pase ben” esa era obxectivo que Domingo Villar quería alcanzar con ‘Síbaris’, a súa primeira obra teatral que acaba de ser publicada por Galaxia en galego e por Siruela en castelán. Antes de morrer, Domingo deixou esta peza rematada e xa estaba traballando xunto ao seu amigo, o actor Carlos Blanco na posta en escena da mesma. Un ictus levouse a Villar hai algo máis dun ano, pero tanto a súa muller, Beatriz Lozano, como Carlos Blanco tiveron a determinación de continuar o proxecto, aínda sen ningún tipo de apoio institucional como quixo remarcar Carlos Blanco na presentación da obra este mércores n’Elixio: “É unha mágoa que o Concello non quixese apoiar este proxecto” . Facendo referencia a que ademais de Domingo tamén está implicado o músico vigués Pablo Novoa que pon a música en directo durante o espectáculo e Lois Blanco, fillo do actor e titulado na ESAD, encargado de dirixir a montaxe.

Con grandes doses de humor, ‘Síbaris’, preséntanos a Víctor Morel un escritor que atravesa un bloqueo creativo e non é capaz de escribir nada que cumpra as súas expectativas. Unha obra que ten moito de Domingo Villar e non só pola trama, pois todos os escritores enfrontáronse algunha vez a esa situación, senón tamén polo ton empregado e esa retranca que tanto caracterizaba ao autor na cercanía. Blanco non quixo desvelar moito sobre a obra, pero advertiu que hai algunha parte na que parece que Domingo fora visionario do que lle ía acontecer. A obra, tal como require o xénero teatral é moito máis curta en extensión que calquera dos libros previos do autor de ‘O último barco’, pero non por iso están menos coidados os detalles. Como é habitual en Domingo a súa minuciosidade está presente tamén nesta peza na que nada está por estar.

Sen dúbida Síbaris é un dos eventos culturais máis agardados en Vigo este ano e así o demostra o público, apenas quedan entradas para as funcións que se celebran este sábado e domingo no Teatro Afundación. Despois da nosa cidade a obra percorrerá outras vilas galegas como Narón, Lugo, Pontevedra, Vilagarcía, O Grove e finalizará a xira con seis pases en Madrid na primavera do 2024.