ASNEVES
REVISTA MAIO

Sete artistas guiarán paseos polos murais urbanos de Vigo

Sete artistas urbanos ligados a Vigo realizarán percorridos guiados pola cidade durante maio e xuño nas que descubriremos a historia e curiosidades detrás das pezas que nos acompañan nas rúas día a día e entre os que se atopan artistas de primeira liña internacional.

Mural de Tamara Baz na rúa de San Roque | Foto: Pablo Vázquez

Marcos Puhinguer, Chephoner, Perrucas, Powone, Tamara Baz, Darío Basso e Davida serán os sete artistas que acompañen aos participantes dos novos paseos pensados por Vigo turístico e que teñen por obxectivo facer “ver a cidade con outros ollos, educando e dotando de visibilidade e contexto á arte urbana que nos rodea diariamente”. Cada fin de semana un deles percorrerá algúns dos murais vigueses facendo fincapé en aspectos como a orixe e evolución da arte urbana, as diferenzas entre street art e graffiti ou o papel da arte urbana no ecosistema cultural vigués. Xunto ao artista de turno estará Borja Concheiro, guía oficial especializado en Vigo e arte urbana.

O programa terá lugar todas as fines de semana de maio e xuño, en sábado ou domingo dependendo da sesión. Todos os paseos teñen como punto de partida a escultura do Sereo ás 19:30 e unha duración de 2 horas. As entradas para os paseos teñen un custo de 15 € por persoa e poden adquirirse online nesta ligazón. Neste mesmo enlace podemos adquirir entradas para o resto de paseos que Vigo turístico ten programados para as próximas semanas, como Vigo negro e paranormal, Tralas pegadas de Xulio Verne, 1958: O ataque do Pirata Drake ou Conexión Vigo, entre outros.

8 DE MAIO: Marcos Puhinguer
15 DE MAIO: Chephoner
23 DE MAIO: Perrucas
29 DE MAIO: Powone
5 DE XUÑO: Tamara Baz
13 DE XUÑO: Darío Basso
19 DE XUÑO: Davida

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.