CAMELIAS MASCOTAS

Sémola – Caixa de inverno

Onde atopar un dos mellores pans da cidade e uns doces exquisitos? A resposta é sinxela: en Sémola. Esta pastelería local destaca polo seu valor artesá e polas súas fórmulas innovadoras de trato ao público e de elaboración das receitas. Nace de dúas mentes inquietas que buscan crear unha marca diferente dentro dun sector moi tradicional. Dúas persoas con coñecementos e experiencias dispares: unha do mundo do deseño, e a outra do mundo da pastelería e panadería artesá. Ambas xuntaron as súas inquietudes e intereses e, igual que ocorre nos procesos do obradoiro, ao mesturar as ideas, respectar os pasos e cumprir os tempos… tachán!, a idea de Sémola naceu para logo crecer con calma e boa letra. A filosofía da marca é a de formar parte activa do día a día desta cidade de Vigo, e do mais alá…

Ao pasar por calquera dos seus locais (situados en Porta do Sol, 10; Rúa do Marqués de Valadares, 14; e Avenida das Camelias, 62) pronto nos decatamos de que o seu compromiso coa terra e a natureza é máis que evidente. Sémola dá prioridade á obra social, por iso mesmo quixeron facer unha homenaxe a algo tan valioso para todos os galegos: os nosos montes. Todo xurdiu por mor dos incendios que sufrimos os galegos en outubro de 2017. Moitos sufrimos ao ver semellante desastre natural, e desde Sémola non quedaron cos brazos cruzados e iniciaron unha recadación de fondos coa venda de galletas solidarias. O diñeiro recadado destinouse a actividades de reforestación e concienciación, levadas a cabo por nenos e as súas familias en colaboración con Montes de Vigo. E os resultados que conseguiron grazas á colaboración de todos foron asombrosos. Somos de monte!

REVISTA NOVEMBRO

Co nadal, chega o mes máis doce por antonomasia. Velaquí temos o galano perfecto para gozar das longas sobremesas propias destas datas: a Caixa de Inverno (55,90 €), deseñada por esta afamada pastelería viguesa. Que ten dentro? Nada menos que unha selección de doces artesáns, ideal para os máis larpeiros. Bombóns, polvoróns e turrón para facer as delicias de toda a familia. Esta fermosa caixa está chea dunha morea de doces artesáns elaborados no obradoiro local de Sémola. O envase tamén é especial, xa que está personalizado e deseñado en exclusiva para a marca polo ilustrador Iván R. Ademais desta caixa, Sémola conta con once opcións máis, dispoñibles todas elas na súa nova tenda en liña (www.semola.es) con entrega a domicilio. Non esquecen a todas as persoas que este ano, por limitacións de mobilidade, non poden visitar as tendas físicas. Non dubides en comprar e regalar unha destas caixas para chupar os dedos. O propósito das dietas non toca ata o ano que vén!

Direccións: Porta do Sol, 10; Rúa do Marqués de Valadares, 14; Avenida das Camelias, 62

Web: www.semola.es

The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 92 (o ano de Cobi) preto do mar. É filóloga e correctora literaria, cirurxiá de textos, amiga das redes sociais e ten un interese case innato pola moda e a cultura. Estela é aprendiza de todo e especialista en nada, ten incontinencia verbal crónica, e, grazas á mellor das sortes, as palabras danlle de comer.

Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)