VIALIA
bannerPicnicSesions

Sés, Café Quijano e Dani Rovira entre as propostas de inverno no teatro Afundación

O Teatro Afundación de Vigo acollerá este inverno unha completa oferta de propostas culturais prtagonizadas polos monólogos, a música clasica e contemporánea e o teatro. As entradas están á venda en Ataquilla.com.

Sés

Xaneiro: David Guapo, Café Quijano, coro Allegro e Sés

O mes de xaneiro traerá o día 20, a David Guapo co seu monólogo #quenonosfrunjanlafiesta, un show de humor familiar, no que Guapo fala da súa peculiar visión sobre a familia, relacións de parella e tecnoloxía, entre outras.O show combina música, improvisación e humor.

O 21, Café Quijano presentará o seu Manhattan Tour, carta de presentación do seu último disco de pop latino e resumo dos 20 anos que levan sobre os escenarios.

O día 22, o coro Allegro propón unha viaxe a través dunha coidada selección dos máis famosos temas de zarzuela.

O día 28, Sés presentará Diante un eco , o oitavo traballo discográfico da cantautora galega. É unha volta aos inicios, pero desde o oficio e a madurez sen renunciar á calidade poética que a caracteriza.

Febreiro: Dani Rovira, Orquestra Clásica de Vigo, O quebranoces, The Hole e Elvis Connection

A programación de febreiro comezará os días 3 e 5 co monólogo de Dani Rovira e Arturo González Campos, O meu ano favorito , unha viaxe cómica polos acontecementos ocorridos nun ano que fose especialmente destacado para cada cidade que visiten. Ademais, coa participación do público, compartirán os recordos dese ano.

O día 4, a Orquestra Clásica de Vigo interpretará Glass, unha das obras máis representativas do minimalismo: o concerto para violín e orquestra de Philip Glass. Dividida en tres movementos sen título, contará con Marcos Escobar como solista.

O 11 de febreiro, o Teatro Afundación Vigo acollerá O quebranoces, un clásico ballet de Nadal, con música de Tchaikovsky, escenografía de Eugeny Gurenko e solistas de prestixio mundial.

Do día 16 ao 19, abrirase o pano para dar paso a The Hole, no seu décimo aniversario. O espectáculo combina burlesque e teatro nun ambiente canalla e sensual de culto ao carpe diem.

O 23 de febreiro preséntase The Elvis Connection, un concerto a favor da Asociación Española Contra o Cancro, liderado polo reputado crooner Alberto Cunha e con músicos vigueses cunha gran traxectoria musical como David Vázquez (Moon Cresta) ao piano, Andrés Cunha (Sinistro Total, Os EP) á batería, Chus Dasilva (Os EP) ao baixo e Paulo Pascual e Javier Soto (Sinistro Total, Resentidos) ás guitarras eléctricas.

O día 25 poderase gozar dunha nova edición de Homenaxe ao gaiteiro, que organiza o Grupo Etnográfico A Buxaina xunto co C.R.A.C de Coruxo, un acto musical que ten como obxectivo recoñecer o labor das persoas que mantiveron e difundiron a música tradicional galega ao longo da súa vida.

Marzo: Simant Duo, Yo me bajo en la próxima, ¿y usted? e Somos Criminais

REVISTA ABRIL

O mes de marzo inaugurarase co concerto de Simant Duo, formado polo trompetista internacional vigués Rubén Simeó e polo valenciano Antonio Morant. Ambos interpretan temas propios e versións de cancións de Michael Jackson, Game of Thrones ou o Bella Ciao.

O día 11 representarase a peza teatral Yo me bajo en la próxima, ¿y usted?, unha divertida comedia musical de Adolfo Marsillach, protagonizada por unha parella divorciada de 50 anos.

O 18 volve Somos criminais III, o espectáculo de Carlos Blanco e Xosé Touriñan cheo de humor, onde se analizan Galicia e os seus habitantes para saber como somos e para saber por que somos como somos.