CAMELIAS MASCOTAS

Sémola, amasando con bo gusto

Segundo o dicionario da RAG, sémola é a fariña granulada que se obtén do trigo e doutros cereais e que se utiliza na preparación de sopas, masas etc. En Vigo ademais é a sobranceira pastelería que rexenta Fanny Francos desde o ano 2010.

Fanny Francos na porta da tenda de Porta do Sol | P. Vázquez

A experiencia no sector panadeiro vénlle de vello: seu pai tivo unha panadería da que logo ela tivo que facerse cargo. Alí botou unha década en que, «a base de ir encontrando dificultades no camiño», aprendeu a traballar en equipo dentro do sector. A imaxe de Sémola é cousa do seu home, que é deseñador de interiores. «Creamos a marca unindo a panadería tradicional cunha visión máis moderna, inspirándonos no que xa se facía noutros países», explica Fanny.

Recoñece que ao primeiro o público era reticente a entrar na tenda, pois prescindiron da barreira do mostrador para poder falar cara a cara. Adentráronse con forza nas redes sociais, sobre todo da man de Alexandra Pereira, a influencer viguesa tras a marca Lovely Pepa. A aposta pola proximidade non se limita á cara visible, senón que é a base dos ingredientes. Por exemplo, a célebre torta de queixo «Mimosa» está elaborada con tetilla do país, e a súa gama de produtos «Receta Atlántica» inspíranse en elaboracións artesás galegas.

Así e todo, Fanny advirte que «emprender non é a panacea», e engade que para facelo «hai que ter unha base sólida e ser realistas». Unha gran dificultade no sector alimentario é a competencia que existe coas empresas máis grandes, pero apunta que o maior problema foi compatibilizar o traballo coa maternidade. «Ser nai pasa factura», admite.

Sémola é unha empresa con tres tendas e un cadro de persoal de 25 persoas, todas mulleres agás dous homes, e está recoñecida con galardóns como o Premio Joven Empresari@ outorgado en 2016 por AJE Vigo. Como obxectivo á vista, apunta a intención de mudarse a un obradoiro máis grande.

REVISTA NOVEMBRO

Estes días están a traballar arreo no obradoiro da rúa Camelias para deixar feitos os doces de Pascua para estas datas sinaladas. Algúns dos que máis éxito teñen son o roscón Niza, recheo de xema de ovo e améndoa, e os ovos con forma de coello, tigre, dinosaurio ou coala. Se preferimos outras opcións alén da Pascua, temos un mundo onde escoller: brioche recheo de chocolate, torta de chocolate, torta red velvet, torta de queixo e un longo etcétera.

semola.es | hola@semola.es | 986 11 25 00 (Porta do Sol), 986 11 25 11 (Marqués de Valadares), 986 11 47 11 (Camelias) | @_semola

@amovidavigo

🥚🥯 Achégase a Pascua e en Sémola traballan arreo para ter todo a punto! Coámonos no obrador desta panadería que combina tradición e modernidade e conta xa con tres locais na nosa cidade. #Pascua #Vigo #roscón #huevo

♬ An instrumental with a clear and refreshing sound(1412170) – Eto

Érika Martínez
Redactora