REVISTA ABRIL

Semente, un proxecto educativo único de crianza en galego

Semente é un proxecto con seis centros educativos espallados pola xeografía galega que poñen o foco en garantir a supervivencia da lingua nas xeracións máis novas, así como o coñecemento da cultura de noso entre as crianzas. O centro de Vigo está situado en Teis, nunha casa de pedra da rúa Doutor Corbal que conta cun espazo interior dividido en recantos, un patio e unha horta.

20 nenos e nenas  de entre dous e seis anos e dúas educadoras comezan a xornada cantando e reuníndose no recanto da asamblea, o momento do día no que aprenden palabras novas (relacianadas, por exemplo, co Entroido ou as froitas de outono), resolven posibles problemas e crean lazos entre os membros do grupo. Ademais do galego, hai outros principios na base do proxecto que rexen a vida en Semente. O asamblearismo e a necesidade de consensuar decisións son un dos seus piares, xunto coa coeducación feminista, a sinserxia co barrio e o laicismo.

REVISTA ABRIL

Despois da conversa, e tras repoñer forzas cunha parva, chega o momento do xogo. Saínza apresúrase ao recanto de movemento, no que trepa pola espaldeira e fai soar o axóuxere que colga do teito. As súas compañeiras saltan na cama elástica, practican puntería na diana ou proban o seu equilibrio sobre unha táboa. Breixo, un dos menores do grupo, prefire os blocos de madeira, as botellas e outros obxectos dispoñibles para invertarlles novos usos no recanto de construcción. Para Leo e Mateo non hai dúbida: o mellor do centro está no exterior, na horta onde crecen amoras, amorodos, chícharos… non é o tempo, mais son os primeiros en calzarse as botas e dirixirse cara os plantóns para comprobar que a natureza segue o seu curso. 

Tamén hai un recanto para a lóxica matemática, outro para a expresión plástica e outro no que, agora mesmo, colgan redes e grandes peixes, resultado do proxecto sobre o medio mariño que estiveron explorando nas pasadas semanas. Diana e Belén, as educadoras responsables do espazo, suxiren actividades e facilitan que se relacionen entre compañeiras, sen importar a idade, máis son as crianzas as que deciden como queren empregar o seu tempo de xogo, respectando os tempos e intereses de cada unha. Aquí non se traballa con fichas e tampouco hai castigos, nin sequera premios.

Semente é un proxecto educativo con centros en varias cidades de Galicia que funciona como espazo de protección do galego e a tradición oral galega, conta Diana Giráldez, e engade que contan cun neno vasco, unha nena eslovena e outra da Alemaña. Giráldez é, xunto con Belén Pozo, unha das educadoras a cargo do centro educativo de Teis e socia promotora do proxecto desde os seus inicios en Vigo. Cóntanos que Semente naceu para evitar un fenómeno que se dá na escolarización pública, na que “as crianzas que falan galego na casa deixan de facelo na escola, onde son sinaladas como raras”. “Aínda que – recoñece – o ideal sería levar as crianzas á escola do barrio, a realidade é que estas non traballan por preservar a lingua e moitas nais e pais priorizan isto”. É por iso que semente recibe nenos e nenas non só de Vigo, mais tamén dos concellos da contorna. Ainda así, a sinerxia co barrio está nos principios fundacionais do proxecto e realizan actividades nas rúas, o monte da Guía, a praia ou o Mercado de Teis e coñecen ás veciñas arredor do seu espazo, ás que saúdan efusivamente.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.