Sementar e recoller tradición
Adolfina, Rosa, Eva, Prudencia, Asunción e Manuela. Son os nomes das mulleres homenaxeadas polo Día das Letras Galegas este 17 de maio. Non forman ningún colectivo literario, non, nin escribiron uns deses clásicos que se len nos colexios e nos institutos ano tras ano. Tampouco un bestseller dos que acumulan máis edicións que exemplares venden a meirande parte dos libros en galego.

A súa literatura, ata hai ben pouco, nin sequera estaba impresa en papel. Adolfina, Rosa, Eva, Prudencia, Asunción e Manuela tocaban e cantaban, rían e berraban, improvisaban e divertíanse. Elas, e tantas outras que están incluídas nestes nomes, non tiñan a vontade nin a presunción de faceren literatura; facíana e xa está. Moitas nin valor lle daban a algo que facían para se divertir, para laiarse de amores non correspondidos, para chorar a perda dun ser querido, para celebrar a alegría da xuventude, para facer máis levadíos os labores do campo ou para rir á custa das veciñas da aldea do lado.
Sabemos da obra destas mulleres, en parte, grazas ás recollidas: gravacións de campo realizadas principalmente por persoas alleas ao ámbito académico e con recursos limitados que facían este labor por amor á tradición e para saciaren a súa crecente curiosidade. Moitos foron os compiladores ao longo das décadas (algúns de bastante sona como Alan Lomax, o Padre Sarmiento ou a propia Rosalía de Castro en Cantares gallegos), pero hai un nome que destaca por riba do resto: Dorothé Schubarth. Axudada polo profesor Antón Santamarina, na década dos oitenta a etnomusicóloga suíza percorreu máis de 250 vilas, recompilou case 5000 cantigas e deu voz a máis de 600 persoas, especialmente mulleres. Ese monumental traballo acabou reunido no Cancioneiro Popular Galego, publicado entre 1984 e 1995 en sete volumes editados pola Fundación Barrié.

Artur Puga: «A recollida non se pode facer nun día cunha persoa que non coñeces de nada, porque necesitas xerar un contexto, unha confianza»

O bailarín e músico vigués Artur Puga seguiu os pasos destes recolledores para facer o propio, primeiro a través do grupo A Buxaina e despois pola súa conta. As primeiras recollidas foron, en realidade, involuntarias, cantando e bailando na casa cos seus familiares. Ao comezar moi novo, un dos seus maiores medos era o salto xeracional que o separaba dos seus informantes: «Non hai tantísima diferenza entre a nosa xeración e a deles. Probablemente coas xeracións do medio si que puiden notar diferenza, pero ao final as vivencias que eles tiveron nas aldeas non son tan distintas das que temos nós hoxe en día. Polo xeral son xente superaberta, que sempre abriron as portas a todo o mundo e que lle poñen un vaso de café e de leite a calquera», explica.
A base de anos de práctica, Artur foi perfeccionando a súa metodoloxía, ao principio bastante caótica, para obter o material que lle interesaba do xeito menos invasivo posible: «O máis importante sempre foi que a xente se sentise o máis cómoda posible. A recollida non se pode facer nun día cunha persoa que non coñeces de nada, porque necesitas xerar un contexto, unha confianza, unha comodidade. Para iso precisas tempo, ir pouco a pouco, deixando que as cousas vaian fluíndo. Cando falamos de música ou de baile, estamos falando dun contexto festivo. Se ti chegas á casa de alguén e lle dis “baila” ou “canta”, moi probablemente non se sinta na tesitura de poder facelo comodamente. Moitas veces o que máis nos axudaba a nós era xerar ese espazo festivo, tocando na praza da aldea, por exemplo», explica.
Artur considera «fundamental» todo o labor das recollidas para o seu traballo docente: «Ter ese contexto, esa vivencia, coñecer, saber como se facía, como non se facía, saber o que me contaron… Nos últimos anos xa non gravo tanto, só preciso ter esa vivencia. Eu nas miñas clases sempre intento falar do contexto cultural e social do sitio, como bailaban, como deixaban de bailar, quen era esa xente concreta. Porque outra cousa importante das recollidas é poñerlle nome propio a esta xente», di. Existe na actualidade un debate sobre que facer con todo este material recompilado ao longo das décadas por numerosos recolledores e recolledoras. Artur está a favor de crear un arquivo común no que xuntar as diferentes coleccións privadas para que «quede á disposición de todo o mundo que o queira ver, para sempre».
Xulia Feixoo: «Reina o discurso de que xa non queda xente maior que poida transmitirnos pero non estou de acordo: o patrimonio sempre é presente»

A viguesa Xulia Feixoo é unha todoterreo no ámbito do folclore galego: multiinstrumentista, profesora, escritora, etnomusicóloga e investigadora. Domina a teoría e a práctica desde diferentes perspectivas, o que lle outorga un gran coñecemento na materia. A nova de que o Día das Letras Galegas estaría dedicado á tradición oral non a colleu por sorpresa, xa que ela foi unha das asesoras da candidatura. Con todo, sinala as deficiencias do formato: «Está pensado para recoñecer a autoras individuais da literatura culta, polo que ten algunhas eivas cando pasamos a un formato colectivo, oral e popular. Aínda así, é algo moi positivo e recibín a nova con moita alegría», comenta.
Como etnomusicóloga que está a investigar sobre o turismo e os procesos de espectacularización nas tradicións musicais ibéricas contemporáneas, con especial énfase nas foliadas como fenómeno sociocultural, Xulia ten moi presente o traballo de Schubarth. Pensa que, malia que agora a súa figura sexa máis recoñecida, no seu momento «non tivo moita permeabilidade social; era complicado de comprender e o seu alcance limitábase a especialistas ou músicos con moito interese e formación. Creo que a sociedade en xeral non é coñecedora deste traballo». Tamén destaca o bo facer doutros compiladores como Leni Pérez, Montse Rivera e Felisa Segade de Leilía, Pablo Carpintero, Miguel Souto, Xisco Feijoó ou Xabier Díaz.
Sobre a necesidade de seguir facendo recollidas na actualidade, Xulia opina que «agora reina o discurso de que xa non queda xente maior que poida transmitirnos esa información, pero esta idea ten unha concepción do baile e da música como algo que pertence ao pasado, a unha sociedade tradicional que xa rematou. Non estou para nada de acordo: o patrimonio sempre é contemporáneo, sempre é hoxe, sempre é presente». Para combater ese discurso derrotista, avoga por «preservar non só a música e o baile, senón os espazos físicos e simbólicos e os xeitos de relacionarse co patrimonio e, por tanto, garantir os encontros autoorganizados como foliadas, seráns, ruadas…». Son moitos os anos de estudo sobre a nosa tradición os que leva Xulia ás costas. A ensinanza máis destacada que tirou da elaboración da súa tese de doutoramento é que «na música e no baile, e en toda a armazón sociocultural que os rodea, temos as ferramentas necesarias para proxectarnos ao futuro dun xeito non tan atravesado polo capitalismo; temos todos os ingredientes necesarios para construír un presente e un futuro mellores», resume con optimismo.
Eva Fernández: «Hai persoas nas foliadas que nunca chegara a pensar que estarían nese ambiente, pero proban, gústalles e despois van cos amigos á seguinte»

Eva Fernández tamén é coñecedora da música e do baile tradicionais desde varios puntos de vista. Entrou moi noviña, con seis anos, na escola do Fiadeiro para aprender a tocar a pandeireta. Dezaoito anos despois continúa no grupo, xa como membro oficial, e tamén forma parte das Ferriñas Bravas, a sección de pandeireteiras da agrupación viguesa, unha das máis senlleiras de Galicia. A súa paixón polo tradi levouna a crear, como traballo de fin de grao de Xornalismo, a web de Rebelico, unha revista en liña sobre a cultura tradicional galega. Ademais de reportaxes, entrevistas e crónicas, Eva utiliza TikTok e Instagram para achegar de xeito atractivo para a xente nova contidos relacionados coa nosa tradición. «Doulles cabida a todo tipo de grupos e asociacións que están no ámbito da tradición e aos que moitas veces nos medios de comunicación xeneralistas non se lles dá a importancia ou o recoñecemento que merecen. Non había proxectos deste estilo, polo que non sabía como o ía acoller a xente, pero a verdade é que está indo moi ben».
Un dos principais obxectivos de Eva e do seu proxecto é demostrar que o tradicional non é incompatible coa modernidade e a xuventude. Durante moitos anos, especialmente na adolescencia, recibiu a incomprensión por parte dos seus compañeiros de clase, que non entendían que levaba unha rapaza nova a participar nunha asociación tradicional: «Víano como algo aburrido para xente maior. Agora percibo que hai moita mellor acollida da cultura tradicional por parte da rapazada e nos seráns ou foliadas ves moitísima xente nova», di a viguesa. De feito, co éxito de artistas como Tanxugueiras ou Fillas de Cassandra, «hai persoas nas foliadas que nunca chegara a pensar que estarían nese ambiente porque antes eran totalmente alleas a iso, pero proban, gústalles e despois van cos amigos á seguinte». Eva tamén está a vivir un bo momento a nivel artístico. As Ferriñas Bravas están a obter un grande éxito co tema Micaela, realizado xunto co DJ compostelán Kike Varela e baseado nunha cantiga de Felicia Insuela. En dous meses, a canción, que é a segunda colaboración co DJ tras Meigallo, xa ten máis de 1.400.000 escoitas en Spotify e supera as 750.000 en YouTube: «Foi moi sorprendente, pero sobre todo estou moi contenta por darlle difusión á figura de Felicia, que foi unha muller que se fixo famosa polas súas coplas picantes».
Pablo Vázquez
Redactor
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Sementar e recoller tradición - 1 Maio, 2025
- Fernando Castro Paredes gaña o Premio Galaxia de Novela 75 Anos coa súa obra ‘O lanzador de coitelos’ - 23 Abril, 2025
- Galerías Fetén, moda singular no corazón da cidade - 9 Abril, 2025
- Veciñanzas: As Travesas - 25 Marzo, 2025
- Non é cidade para bibliotecas - 25 Marzo, 2025