Sebastián Yatra, Nicki Nicole ou MClan completan o cartel do PortAmérica
O cartel do PortAmérica, que se celebra na Azucreira de Portas os días 13, 14 e 15 de xullo, xa vai collendo a súa forma definitiva. Aos artistas xa coñecidos súmanse outros de grande peso nacional e internacional como Sebastián Yatra, Nicki Nicole, Deluxe, MClan, Loquillo, Guitarricadelafuente, Quique González e Ortiga & Pili Pampín. O ShowRocking tamén suma novos chefs.
O festival PortAmérica confirma novas caras internacionais que se suman á súa programación de artistas para a súa próxima edición este 2023 os días 13, 14 e 15 de xullo na Azucreira de Portas (Pontevedra). Tras unha primeira confirmación de grandes nomes da música como a icona nacional Bad Gyal, un dos grandes triunfadores nos Latin Grammy 2022, Jorge Drexler ou o recoñecido co Premio Ondas a Fenómeno Musical do Ano, Dani Fernández; PortAmérica volve coa confirmación de novas caras da industria musical que levarán ata a antiga fábrica pontevedresa os mellores temas da actualidade e dos últimos anos.
As novas confirmacións chegan da man dunha das top 10 artistas arxentinas máis escoitadas do mundo en Spotify, Nicki Nicole, coñecida por temas como ‘Mamichula’ ou ‘Colacao’. Doutra banda, PortAmérica encherase das grandes baladas do colombiano Sebastián Yatra, quen realizou o pasado ano un dos concertos máis multitudinarios da historia recente de Castrelos. Outras das grandes apostas chega con artistas que representan o máis puro rock español: poe un lado MClan, cuxo estilo único, que foi evolucionando ata fusionar á perfección o blues co soul, o rythm & blues, e o hard rock máis setenteiro, deixará soar himnos como ‘Carolina’ ou ‘Llamando a la tierra’; e polo outro Loquillo, atrevido, polémico e sempre auténtico.
Como non podía ser doutro xeito, Xoel López estará presenta na edición de 2023, neste caso cos seus compañeiros de Deluxe, cos que reuniu despois de 13 anos para a edición de 2021 do mesmo festival. Ao cartel de PortAmérica tamén se suman Guitarricadelafuente, un artista inquieto, folclórico e moderno, que se deu a coñecer coa súa canción ‘Guantanamera’, que acumula máis de 50 millóns de escoitas en Spotify; e Quique González, quen neste 2023 cumpre os seus primeiros 25 anos na música e celébrao como máis lle gusta, saíndo á estrada coa súa música baixo o brazo. Por último, pechan estas confirmacións os artistas galegos Ortiga e Pili Pampín, o improbable dúo que recentemente lanzou o remix de ‘O Galo’, un dos temas máis recoñecidos da artista de Ribasar.
ShowRocking
O festival anunciaba o pasado decembro as súas primeiras confirmacións de chefs, ás que se suman neste segundo anuncio novos chefs internacionais e multipremiados. Trátase do chef con tres Estrella Michelin Ángel León (Aponiente, El Puerto de Santa María), David Abalo (La Radio, Santiago de Compostela), María Varela (A Parada das Bestas, Pidre, Palas de Rei), o chef Antonio Arrabalde, que se atopa inmerso no proxecto culinario plant-based Better Balance, Miguel Cobo (Cobo Estratos, Burgos), Javi Estévez (La Tasquería, Madrid), Chechu González (María de la O, Granada), e o chef arxentino Tomás Kalika (Mishiguene, Buenos Aires, Arxentina).
Acampada e autobuses (e Chiquitren)
Por primeira vez a acampada de PortAmérica terá lugar en Portas, dando a oportunidade a todos aqueles interesados de acampar desde o mércores 12 de xullo, día previo ao comezo do festival, ata o domingo día 16. Ademais, a acampada do festival atópase a apenas 5 minutos camiñando do recinto da Azucreira. Todo o que o desexe tamén poderá acudir coa súa autocaravana ou furgoneta camperizada, neste caso, a zona adxudicada a este tipo de transportes estará dispoñible desde o día 13 de xullo ata o 16 de xullo.
Un ano máis PortAmérica ofrece ao dispor dos asistentes liñas de bus de ida e volta desde seis das principais localidades galegas. Os interesados poderán desprazarse ao festival desde A Coruña, Santiago, Pontevedra, Vigo e Cambados-Vilagarcía. Tras converterse nun dos elementos máis especiais de PortAmérica 2022, o aclamado Chiquitren volve tamén a estar presente na próxima edición do festival en 2023. A liña é gratuíta e estará dispoñible a partir das 16:00 durante os tres días de festival.
Entradas
Os abonos para a próxima edición de PortAmérica xa están á venda na web do festival desde 65€. O prezo cambiará a medida que se vaian esgotando os tramos. Como novidade, este ano poderanse conseguir as entradas do festival dando uso do Bono Cultural Xove. As entradas para a acampada e o aparcadoiro de autocaravanas e camperizadas tamén están dispoñibles na web.