REVISTA ABRIL

The Gift e cinco grupos máis completan o cartel de 17º Ribeira Sacra

The Gift, Silvana Estrada, Alberto & García, Terrier, Sofía Comas, Rapariga dj e Ángel Carmona pechan o cartel da quinta edición do festival lucense. Pola contra, os escoceses Teenage Fanclub pospoñen a súa actuación á edición de 2022 tras ter aprazada a súa xira este ano.

REVISTA ABRIL
Actuación no 17º Ribeira Sacra de 2020 1 T.Novoa

O festival 17º Ribeira Sacra suma seis novas actuacións ao seu cartel deste verán que terá lugar do 16 ao 18 de xullo, máis tamén sufre a baixa de Teenage Fanclub. Os escoceses aprazaron a súa xira e participarán no festival galego no verán do 2022. Tódalas persoas que por este motivo queiran devolver o seu abono teñen de prazo ata o martes 22.

Considerada unha das bandas de referencia a nivel internacional, The Gift esconden no seu “Tour Verão” a historia dos seus 25 anos de traxectoria, os seus momentos máis explosivos, mentres presentan as cancións do seu último traballo, “Verão”. Pola súa banda, Silvana Estrada, á que os medios tachan como “A Chavela Milenial”, chegará a 17º Ribeira Sacra a ritmo de jazz mesturado co folclore que bebeu na súa terra, Veracruz, e presentará as cancións do seu primeiro álbum, “Marchita”, que verá a luz a finais deste mes. Alberto & García continúan celebrando a publicación do seu novo single, “Río Bravo”, un tema que explora a vea rockeira da banda, apostando mesmo por introducir pinceladas surf e sons fronteirizos pero con ese toque latino tan habitual na banda norteña. As ganas de seguir coreando pola Ribeira Sacra poñeranas a troupe de Terrier, sons pop frescos que botan man de momentos de garage latente onde a vea pop é a que acaba marcando as diferenzas. Pero na maxia que esconde o festival tamén hai momentos para penetrarse no universo de artistas con cancións de fraxilidade vigorosa, como é o caso de Sofía Comas, que aborda no seu último traballo, “El verano será eterno” o duelo tras a morte dun ser querido a través da música e a poesía.

Estas actuacións súmanse as xa confirmadas previamente de Depedro, The Excitements, Budiño & Novoa, Alberto & García, Bronquio, Ian Quin, Dani, Auto Sacramental e Ale. Ademais desde a organización adiantan que aínda quedan por anunciar as actividades, roteiros, catas, concertos no catamarán… e non descartan que poidan ampliar o aforo e pór máis abonos á venda, en función das novas medidas santinarias.