Salvaxesons: The Wild Fest convoca un concurso de bandas para descubrir o novo talento galego
O festival de cultura na natureza celebrarase entre o 30 de xuño e o 2 de xullo cunha novidade: haberá un concurso de bandas para descubrir o talento emerxente con premios ata 600 €.
O festival multidisciplinar The Wild volverá celebrarse no principio do verán e anuncia as datas da súa quinta edición, en 2023, que ocupará a fin de semana do 30 de xuño e o 1 e 2 de xullo. Como en edicións anteriores o festival celebrarase no Parque Forestal de San Miguel de Oia e programará concertos de bandas galegas e nacionais, proxeccións de cinema e actividades infantís, ademais de zona gastro, mercadiño e propostas para coñecer a contorna.
A vindeira edición mantén a vontade das pasadas de englobar un gran número de actividades nunha soa cita e integralas no medio natural: concertos de folk e rock, The Wild Cinema, andaina, ximcana de orientación, obradoiros, mercadiño e espectáculos infantís. A novidade deste ano será a celebración dun concurso de novos talentos musicais bautizado como Salvaxesons.
O concurso de bandas Salvaxesons busca descubrir e impulsar novos talentos da música galega. A competición terá cinco gañadores que poderán tocar o venres 30 de xuño no escenario principal de The Wild. Ademais, os tres primeiros clasificados recibirán un premio en metálico de ata 600€, o primeiro volverá tocar o sábado no festival e os cinco terán acceso gratuíto a The Wild Fest durante toda a fin de semana.
Os gañadores escolleranse en tres fases. A primeira criba será realizada por un xurado a partir dos tres temas grabados que as bandas entreguen no momento de facer a inscrición. A segunda fase terá lugar durante o mes de marzo nunha sala de Vigo e realizarase en formato duelo por parellas. A final será o propio concerto en The Wild Fest, onde se decidirá ao gañador en directo.
Poden participar bandas e solistas de calquera estilo, coas únicas condicións de ter un membro galego e non ter máis de un disco editado. As inscricións realízanse no email salvaxesons@thewildfest.com adxuntando información da banda e tres cancións. As bases poden consultarse na web do festival.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024