Rock & Roll polos nenos máis desfavorecidos
Os rockeiros de Vigo volven aliarse un ano máis co Rock Children, un festival solidario en favor dos nenos máis desfavorecidos da nosa cidade. Os concertos terán lugar entre este xoves e o sábado no Reserva Rock, o Transylvania e a Sala Masterclub e actuarán 13 grupos locais e nacionais.
No Nadal os actos benéficos multiplícanse, o Rock Children chega con esta a súa sexta edición. Unha proposta que naceu da iniciativa de artistas e afeccionados ao rock en Vigo que queren facer a súa achega para que todos os nenos da cidade poidan pasar un Nadal agradable. O festival desenvolverase entre o xoves día 13 e o sábado 15 en tres salas míticas da nosa cidade: O Reserva Rock, o Transylvania e a Sala Masterclub. Nesta edición, o festival conta con Julio Castejón (líder de Asfalto) como padriño. Castejón estará tanto o xoves como o venres presentando o seu novo disco El Mono Loco e o seu terceiro libro La Mirada Ausente. De ben seguro, virá acompañado da súa guitarra acústica e se animará a tocar algún dos seus temas máis emblemáticos para o deleite do público.
O festival comezará o xoves 13 de decembro no Reserva Rock a partir das 22:00 coas actuacións dos grupos vigueses The Liar Papers e Kid Bengala. As entradas para este día terán un prezo de cinco euros. O venres a festa trasladarase a sala Masterclub onde actuarán a partir das 21:00 horas You Dog, Supernatural, Pacho Brea, Cherokee e Talesien. E o fin de festa terá lugar o sábado a partir das 20:00 no Transylvania cos concertos de Terader, Strikeback, Kuna de Odio, Blackjack, Malkeba y Adolfo FH&Fran Vázquez. As entradas para venres e sábado terán un prezo de 10 euros e o pase para os tres días de concertos pode adquirirse por 20 euros en Discos Elepé, no Reserva Rock e no Transylvania. Como este é un festival para a rapazada, os menores de 12 anos poderán asistir de balde aos concertos acompañados dun adulto.
Como vén sendo habitual os organizadores do festival fixeron varias poxas a través das redes socias de vinilos exclusivos, CDs, instrumentos ou merchan de grupos. Tanto os beneficios destas poxas como da venda de entradas irá destinado a AFÁN, unha asociación que leva anos axudando aos máis desfavorecidos na nosa cidade.
O Rock Children é unha escusa perfecta para menear os nosos corpos a ritmo de rock & roll esta fin de semana.
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Anxo Cabada, fotógrafo: «Pediría que o gasto das luces se reparta un pouco en cultura» - 3 Decembro, 2024
- Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo» - 25 Outubro, 2024
- Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte» - 29 Agosto, 2024
- Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño - 12 Xuño, 2024
- Ailén Kendelman: «A través do humor podemos saír de situacións dolorosas» - 28 Maio, 2024