REVISTA SETEMBRO

Río Miño en Barco, catas e concertos a bordo

No ano 1012, os viquingos arrasaron Tui entrando coas súas particulares embarcacións a través do río Miño. Este dato sorprendeu a creadora de Río Miño en barco, unha tudense que logo se puxo a investigar sobre isto, e discorreu sobre cal sería a mellor maneira de difundir este feito histórico, tanto cos habitantes da zona como cos peregrinos e demais visitantes que se achegan a esta localidade.

Hai dous anos que botou a andar este proxecto, que ofrece paseos polas augas fronteirizas entre Galicia e Portugal, a bordo dunha recreación dunha embarcación histórica con 12 metros de eslora unha capacidade para 20 persoas. Este navío navega a diario durante o verán, ofrecendo diferentes opcións, como a ruta «Navegando entre murallas», un paseo de 40 minutos que ofrece unha singular perspectiva visual e histórica das vilas de Tui e Valença.

Ao mediodía ofrécese a posibilidade de realizar unha cata de albariño a bordo e no serán cámbiase o viño por portónic, un cóctel elaborado con viño do Porto branco e tónica. Uns petiscos complementan cada unha das rutas, que teñen unha duración aproximada dunha hora. Para completar a oferta, en determinadas datas do verán prográmanse concertos a bordo, que cómpre non perder de vista nas redes sociais da empresa.

@riominoenbarco | riominoenbarco.com | 662 31 25 20