CIRCO DE NADAL
CAMELIAS NADAL

Reservorio canino

O sector das canceiras tampouco se libra dos efectos da COVID-19, malia que os cans son inmunes á enfermidade de moda. Algunhas das consecuencias son as adopcións apalabradas que non terminan de facerse efectivas, a escasa captación de novos socios co detrimento das feiras ou o incremento das familias que piden axuda por problemas económicos.

Ademais, as protectoras tiveron que cancelar os paseos dominicais, que secundaban unhas 70 persoas cada semana. «Iso fai que baixen as adopcións e os porfillamentos, que xurdían precisamente do cariño que algunhas persoas lles collían aos cans que paseaban», explica Pepín Solleiro, tesoureiro de Aloia, protectora de animais de Tui. Ese era un momento idóneo para que o can e o potencial dono se coñecesen antes de dar o paso. Tamén estaban pendentes os responsables da organización, pois prefiren pecar de estritos observando que clase de persoas están interesadas nas adopcións: «Visitamos os fogares e entrevistamos os solicitantes para asegurarmos o benestar do animal, polo que esiximos asinar un contrato no que o novo responsable do can se comprometa a non telo atado ou engaiolado e realizamos un seguimento para asegurármonos de que se cumpra» .

As precaucións duplícanse de cara ao Nadal, instando á poboación a non adoptar por capricho. «Un can dá moito traballo, case tanto coma un fillo», sentencia Ali Mariposa, voluntaria de Villa Peixiño, unha casa particular onde ducias de cans e gatos viven en liberdade. «Aquí non hai gaiolas, todos son libres e conviven coa dona da casa». En Aloia sinalan o aumento dos abandonos despois das festas natalicias: «Sempre recollemos cadelos de raza nos meses de febreiro e marzo. Cachorros que por morder unha alfombra ou ladrar polas noites xa non os queren os que os levaron», explica Solleiro. En 2019 compútase en Galicia o abandono de 23.400 cans, un 23 % máis que en 2017, segundo os datos da asociación animalista Libera!. Para evitar os abandonos, as asociacións levan anos loitando para que todos os animais conten obrigatoriamente con cadanseu chip identificador e se multe aos donos que os desatendan.           Desde os refuxios insisten en que se poden facer máis cousas para contribuír á causa ademais de adoptar, suxerindo un catálogo de accións de efectivas para lles tender unha man aos que nos dan a patiña.

            Acollemento. Acoller é unha experiencia parecida á adopción, na que o chip segue a nome de protectora que tamén se fai cargo dos gastos de manutención e médicos dos animais. «Son comúns en cans que chegan ás nosas mans en malas condicións ou son moi maiores e precisan un extra de cariño e comodidade, xa que os invernos no refuxio son fríos», explica Pepín, que aconsella esta opción como paso previo á adopción definitiva.

            Afiliación. Os socios son o sustento máis importante e estable das casas de acollida de cans. No caso de Villa Peixiño, ofrécese a posibilidade de afiliarse a través da plataforma teaming.net, cunha cota compartida entre varias persoas para que a achega sexa de tan só un euro ao mes.

            Doazón. Podemos facer unha achega económica buscando o número de conta do noso refuxio favorito ou contribuír en especie con alimentos, camas, xoguetes ou mesmo trapos, pois cousas como sabas e toallas vellas poden ter unha segunda vida nos refuxios.

            Compra de produtos. Rescue Galicia estampa bolsas e camisetas con motivos caninos que vende a través da súa páxina en Facebook; a protectora Aloia ten á venda, como cada ano, un calendario solidario que pode adquirirse en clínicas veterinarias e tendas relacionadas. Os Biosbardos acaba de abrir A Trastenda de Parche, tenda virtual e física durante as fins de semana (avenida de Emilio Martínez Garrido, 6), con artigos de segunda man. Tamén Villa Peixiño vende pezas de decoración, moblaxe e roupa.

            Porfillamento. Por unha modesta mensualidade (no caso da Aloia, cinco euros) podemos asegurar as vacinas e a limpeza parasitaria dun destes animaliños. Para máis contacto, Villa Peixiño ofrece a posibilidade de levar para a casa os afillados durante as fins de semana. «Paréceme a mellor opción para eses nenos que piden un can polo Nadal», apunta Ali.

CAMELIAS NADAL

            Voluntariado. Podemos prestar parte do noso tempo para alimentar, arrombar ou levar ao veterinario un can recibindo unha recompensa en forma de aloumiños. A maioría das protectoras realizan estes labores polas mañás e facilitan salvocondutos para os colaboradores, polo que é posible axudar mesmo durante un peche perimetral.

Por Paula Cermeño

[Este artigo está publicado na revista A Movida de decembro . Podes consultala na versión dixital ou facerte con ela de formar gratuíta nos nosos puntos de distribución. Se queres apoiar o noso proxecto e comezar a recibila na túa casa faite #AMOVIDALOVER ]

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.