Regresa o Petisquiño con tres semanas de gastronomía local
Esta fin de semana comeza a 9ª edición do Petisquiño, o popular concurso de tapas da hostalería viguesa que ten lugar ata o domingo 26. Este ano participan 37 locais e os dez finalistas competirán en directo nunha final o mércores 29 de novembro.
Avecíñanse tres fins de semana cheas de sabor e gastronomía local. A Federación Provincial de Empresarios de Hostelería de Pontevedra (FEPROHOS) organiza un ano máis o concurso de tapas O Petisquiño. Este venres 10 de novembro abre o prazo para que todas as persoas interesadas se acheguen aos locais participantes a probar o seu petisco. O último día para catar estas creacións é o domingo 26.
Este ano o número de participantes aumentou a 37, aínda que desde a organización recoñecen que queren volver aos 60 da primeira edición. O prezo de cada petisco varía entre os 2,5€ e os 5€. Para coñecer máis información de cada petisco (fotografía, valor nutricional, ingredientes, alérxenos…) e saber o horario de cada local, os organizadores habilitaron unha app con este fin. Desde aí tamén se poderá votar pola nosa tapa favorita, e a máis votada alzarase co premio do petisco máis popular.
Os outros tres premios son o da Mellor Tapa (patrocinado por Estrella Galicia), cuxo gañador representará a Vigo no concurso galego de tapas e participará na final estatal de hostalería. Despois a Mellor Tapa maridada con Ponte da Boga, patrocinada por esta marca de viño; e, por úlitmo, unha das novidad: Mellor tapa maridada cun cóctel, galardón patrocinada por Royal Bliss. Debido á boa acollida da proposta o pasado ano, nesta edición repiten unha final na que xuntar aos dez finalistas. Será o mércores 29 (espazo por confirmar) e alí os chefs deberán crear en directo os seus petiscos.
O alcalde de Vigo Abel Caballero considerou o Petisquiño “unha grande acción na cidade” que beneficia tanto aos vigueses como aos moitos turistas que acollerá a urbe nos próximos meses: “Vigo estase a converter nunha das grandes cidades turísticas de España, algo impensable hai anos”, afirmou. Segundo os seus datos, cuxa fonte non compartiu, Vigo recibe máis turistas que Santiago e A Coruña xuntos, algo que, vista a masificación e problemas relacionados con isto na capital galega, non semella motivo de orgullo.
LOCAIS PARTICIPANTES NA EDICIÓN DE 2023:
PALMARÉS DE 2022
Mellor Tapa: Cervexaría Leria
Mellor Tapa elaborada con produtos cárnicos: Casino de Vigo
Mellor Maridaxe con Ponte Da Boga: Trepia Gastronomía
Mellor Tapa do Mar: Enxebre
Tapa máis popular: El Templo de Sensei